A Deputación da Coruña lidera un encontro para que os concellos cumpran os obxectivos de medio ambiente da UE
A Deputación da Coruña acolle, o vindeiro mércores 15 de decembro, unha xornada sobre a iniciativa europea do Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía. Trátase do único encontro en Galicia sobre este proxecto da Comisión Europea, ao que están subscritos máis de 7.000 municipios comprometidos coa redución das emisións de CO2 e a loita contra o cambio climático.
Este encontro organizado por Europe Direct, o centro oficial de información da Comisión Europea pertencente á Deputación da Coruña, permitirá aos concellos participantes aumentar as posibilidades de obter fondos da Unión Europea en materia de medio ambiente e establecer contactos e alianzas cos miles de municipios xa adheridos ao pacto.
Está prevista a participación de máis de 70 membros de entidades municipais, pero o prazo de inscrición segue aberto ata mañá, 14 de decembro, ás 14 horas. Os alcaldes, concelleiros e técnicos municipais interesados, poden facer o formulario de solicitude na páxina web de Europe Direct, a través do correo electrónico europedirect@dacoruna.gal ou chamando ao 981.080.331.