publicidade hoxe

A Deputación da Coruña financiará con 244.327 euros a construción e mellora de sete parques infantís e biosaudables en Valdoviño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaValdoviño
A-
A+

A Deputación da Coruña destinará unha partida orzamentaria de 321.125 euros recollida dentro do Plan de Acción Social (PAS) para a realización das obras de mellora de sete parques infantís no municipio de Valdoviño e os traballos de mantemento e conservación de casetas municipais nas praias de A Frouxeira, O Río, O Rodo e Marnela.

Na primeira das actuacións, cunha dotación de 244.327 euros, comprende a mellora dos parques infantís de A Frouxeira, Rodo, Lago, Montefaro, Loira, Villarube, Vilaboa e Aviño (Valdoviño), contémplase a rehabilitación das zonas para os cativos e a poboación maior, acondicionando tanto os xogos como as áreas para xente de máis idade, mellorando así, a súa calidade de vida.

Nas zonas infantís, preténdese conservar os parques para que cumpran coa normativa e, por outra banda, optimizar esas zonas de ocio para os nenos e garantir así a súa seguridade.

Para a poboación maior, a finalidade é dotar esas áreas de elementos biosaudables para un maior benestar cidadá. No parque infantil de A Frouxeira, substituirase os elementos deteriorados por outros novos, e procederase a acentuar as medidas de seguridade nos xogos para cativos, esixidas pola normativa. Instalarase unha estrutura combinada e un vaivén de dúas prazas. As randeiras e a caseta de xogos mantéñense no seu estado actual.
No parque infantil de O Rodo, serán substituídos todos os xogos por unha estrutura combinada e unha randeira, e implantarase unha zona de aparatos biosaudables, xa que este parque atópase nun dos lugares máis concorridos da parroquia. No parque de O Lago, será acondicionado mediante a limpeza e revestimento cunha imprimación de lasur para aportarlle unha maior durabilidade á madeira. Instalarase un novo tobogán para o goce dos máis pequenos.

No resto dos parques de Montefaro, Loira, Villarube, Vilaboa e Aviño destinaranse parcelas para a creación de áreas infantís ou ampliar as existentes, co obxectivo de adecuar os espazos á normativa vixente.

Instalacións municipais nas praias de A Frouxeira, Río, Rodo e Marnela

Para conservación e mantemento nas instalacións municipais nas praias de A Frouxeira, Río, Rodo e Pantín (Valdoviño), a Deputación investirá un total de 76.797 euros na reparación de diversas casetas de servizos existentes nos areais. As casetas contan con aseos para servizo dos usuarios das praias para o servizo de salvamento das mesmas.

Na caseta de A Frouxeira, contémplase a substitución das táboas das fachadas en mal estado e tamén as carpinterías, tanto da zona de vixilancia, na planta de arriba coma o balcón flotante na planta baixa.

Na caseta de O Río e O Rodo, substituiranse as fachadas en mal estado e serán tratadas mediante unha capa de protección contra os fungos e bacterias. Na cuberta repoñeranse as lousas e ferraxes que faltan e substituirase as que se atopen deterioradas.

Na caseta de Marnela, ademais de repoñerse as lousas e ferraxes que faltan e substituírse as que se atopen deterioradas, cambiaranse as táboas por unhas novas de iroko xa que as actuais están en avanzado estado de podredume.

Ambos proxectos, financiados pola Deputación cun total de 321.125 euros foron xa licitados polo Concello de Valdoviño e prevese a súa adxudicación nas vindeiras semanas para que os traballos estean completados en 2017.

20 de decembro de 2016 | 17:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.