publicidade hoxe

A Deputación da Coruña financia con 500.000 euros a adquisición de tres camións de recollida de lixo para a Mancomunidade da Serra do Barbanza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Deputación da Coruña aprobou, no pleno ordinario do mes de decembro celebrado o pasado venres, a concesión dunha subvención de 500.000 euros á Mancomunidade de Concellos da Serra do Barbanza, destinados a sufragar a adquisición de tres camións recolectores de residuos sólidos urbanos. O convenio xa foi ratificado cos votos favorables do PSdeG-PSOE, BNG e Partido Popular, a abstención de Marea Atlántica e Compostela Aberta e o voto en contra de Alternativa dos Veciños.

A achega provincial representa o 94 % do custe total dos vehículos, que ascende a 531.000 euros. Con este orzamento adquiriranse dous novos camións recolectores bicompartimentados e un recolector de caixa estreita, que permitirán renovar a flota de vehículos que realizan as labores de recollida de lixo actualmente e mellorar un servizo público esencial, mínimo e obrigatorio como é a recollida e tratamento de lixo, que cubre as necesidades de arredor de 80.000 habitantes.

As competencias da Mancomunidade inclúen a pre-recolleita, coa instalación de contedores e o seu mantemento, lavado e desinfección periódica, ademais da recolleita selectiva, o transporte ao complexo medioambiental situado en Lousame e o tratamento dos residuos sólidos urbanos dos concellos.

A subvención provincial tamén permitirá que non se aumente, debido ao custe dos camións, a cota que os concellos deben pagar a Macomunidade pola prestación deste servizo.

28 de decembro de 2016 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.