A Deputación da Coruña destina 44.450 euros á rehabilitación da igrexa de San Lorenzo de Doso
A Deputación da Coruña asinou un convenio de colaboración coa Diócese de Mondoñedo-Ferrol para o financiamento das obras na igrexa de San Lorenzo de Doso, en Narón.
A Deputación achega 44.455 euros, o que supón o 80% do orzamento total do proxecto, co que se pretende por en valor un ben que forma parte do patrimonio cultural da zona e que supón un importante atractivo turístico. A igrexa de San Lorenzo de Doso é o punto de partida da ruta relixiosa que se promove desde o concello de Narón, e que discorre por outros puntos de interese coma a Capela da O ou o Mosteiro do Couto.
Asemade, a Deputación espera que as instalacións sirvan de punto de encontro para os habitantes da parroquia, acollendo actividades socioculturais e dinamizando así a vida social da contorna.
As obras financiadas cos fondos provinciais consistirán no acondicionamento do perímetro da igrexa, para eliminar as humidades interiores na zona do zócalo. Unha vez reparadas as deficiencias da fachada, procederase a repintala.
Así mesmo, suprimiranse as barreiras arquitectónicas cumprindo coas normativas vixentes en materia de accesibilidade. Para iso, eliminaranse os escalóns e colocaranse pasamáns para facilitar o acceso ás instalacións ás persoas con mobilidade reducida ou diversidade funcional.
As obras completaranse coa construción dunha soleira de formigón de 5 metros de ancho, para poder acoller nas inmediacións da igrexa actos culturais, deportivos ou de ocio que poida promover a parroquia.











