publicidade hoxe

A Deputación da Coruña destina 1 millón de euros ás obras de ampliación e mellora da estrada DP 2502

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCerdidoValdoviño
A-
A+

A Deputación da Coruña destinará unha partida de 988.738,80 euros para financiar as obras de ampliación e mellora da estrada provincial DP-2502 de Valdoviño a Cerdido entre os puntos quilométricos 3+000 e 5+600 e o ramal secundario de acceso ao encoro das Forcadas.

O investimento foi aprobado por unanimidade de todas as forzas políticas no pleno provincial do pasado 23 de decembro e supón a recuperación e actualización dun antigo proxecto xa recollido no Plan 2000 de estradas Deputación, pero que non chegou a executarse. Por iso, o goberno provincial encargou en 2015 á empresa Cotecno a actualización do proxecto técnico, que inclúe a ampliación e mellora dun tramo de 2,6 quilómetros desta estrada provincial, así como o acondicionamento dun tramo duns 200 metros do ramal que da acceso ao encoro, situado no PK 5+600.

A calzada actual dispón actualmente dun ancho aproximado de cinco metros, que pasará a 9 metros, coa inclusión dunha sección tipo de dous carrís de 3,50 metros, cada un deles cunha beiravía lateral de un metro de ancho. No caso do vial secundario, o ancho de vía actual é de 4,70 metros e ampliarase ata os 6 metros, colocando cunetas en ambas marxes.

As obras iniciaranse no lugar de O Portedoso (cruce coa DP-7603) e discorrerán polo núcleo rural de Vilaboi (Valdoviño), chegando ata o encoro das Forcadas. Dende o PK 3+000 ata o 5+400 incrementarase o ancho do vial, que discorre por unha zona rural rodeada de terras de labardío e monte. O proxecto recolle tamén a mellora do trazado no tramo que vai do punto quilométrico 3,5 ao 4, co fin de mellorar o percorrido sinuoso de curvas existente na actualidade.

Nos 200 metros que van do PK 5+400 ao 5+600 prodúcese un estreitamento da calzada no arcén, debido á cercanía das casas á estrada. Neste zona sinalizarase como “paso estreito” e limitarase a velocidade dos vehículos a 50 km/h.

A Deputación reserva un orzamento de 159.119,74 euros para expropiacións dos terreos necesarios para a execiución do proxecto, que contribuirá a unha notable mellora da seguridade vial na zona.

O proxecto inclúe o retranqueo de 25 postes de tendido aéreo eléctrico, 25 postes de formingón con luminaria da vía principal e 12 postes de madeira de telecomunicacións, así como a execución dun muro de contención no PK 4,600, a substitución do sistema de drenaxe da estrada con tubo de formigón nos puntos onde sexa necesario, e a instalación de nova sinalización horizontal e vertical.

26 de decembro de 2016 | 16:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.