A Deputación da Coruña considera prioritario o apoio ás mulleres en situación de violencia machista
Coa sinatura dos convenios para o mantemento das casas de acollida da Coruña, Culleredo e Ferrol, a responsábel da área de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade de Xénero destacou a necesidade de apoiar as mulleres para que se sintan arroupadas á hora de romper con situación de violencia de xénero. No acto fíxose unha condena rotunda ao “terrorismo machista” que se cobrou as vidas das veciñas de Boqueixón e Santiago nos últimos días.
A Deputación da Coruña colabora, desta maneira, cos concellos da Coruña, Culleredo e Ferrol no mantemento das casas de acollida, vivendas tuteladas e pisos de inclusión e transición dos tres concellos para dar servizo ás mulleres que buscan seguranza e condicións acaídas para escapar dunha situación de violencia de xénero.
A achega da Deputación é de 111.950,25 euros no caso das casa e os dous pisos da Coruña, 33.111,39 euros na vivenda tutelada de Culleredo e 32.569, 77 para a casa de Ferrol.
Os acordos de colaboración foron asinados esta mañá nun acto no que participaron, ademais da responsábel da área na Deputación, Ánxela Franco, o alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, o de Ferrol, Jorge Suárez e a concelleira de Igualdade da Coruña, Rocío Fraga.
Ánxela Franco comezou a súa intervención cunha enérxica condena do “terrorismo machista” que se cobrou dúas novas vidas nos últimos días de veciñas de Boqueixón e Santiago de Compostela. “Temos obriga de que se sintan seguras e arroupadas cando queren deixar unha situación de violencia contra elas”, dixo Ánxela Franco que esixiu tamén maior cooperación por parte da Xunta de Galicia en materia de violencia machista e mostrou a “man tendida”, para traballar conxuntamente.
Entre outras novidades dos acordos, Ánxela Franco destacou o contar por vez primeira con nenos e nenas como usuarios a efectos dos cómputos económicos das casas. “Para nós son recursos necesarios mais consideramos que o que é urxente é seguir traballando para que a violencia machista desapareza, incrementando orzamentos e con ferramentas que queremos poñer a disposición das mulleres”, dixo, facendo fincapé no esforzo desenvolvido no ámbito educativo, “porque esta situación ten que cambiarse desde as idades máis novas”. A deputada anunciou o incremento dos recursos “dada a situación de terrorismo que estamos a vivir”.
A concelleira de Igualdade da Coruña, Rocío Fraga, destacou a colaboración da Deputación e a relevancia do convenio que é a “principal achega económica recibida malia estarnos na Rede de Acollemento da Xunta” ao tempo que demandou da administración galega “máis recursos e menos palabras”. “Estamos ante un feminicidio e é imprescindíbel o traballo en prevención e educación”, defendeu Fraga.
O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez destacou asimismo a necesidade de “comezar pola base, pola educación de nenos e nenas para eliminar esta situación, en especial, cando o goberno da Xunta foi desmantelando non só os servizos de atención ás mulleres senón os servizos sociais en xeral”.
Pola súa parte, o alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, recoñeceu o compromiso da Deputación á hora de manter uns recursos vitais para moitas mulleres que teñen que atopar un espazo de seguranza na súa loita contra a violencia machista.
A Deputación financia 5.475 estadías,un 33% do total de 17.520 entre os distintos recursos, entendendo como estadías o número de prazas por 365 días/ano. Na casa de acollida da Coruña, 2555, nos pisos de inclusión: 730, na Casa de acollida de Ferrol, 1095 e outras tantas na vivenda tutelada de Culleredo. En total 17.520 estadías. O número total de prazas nos recursos é de 48 das que a Deputación ten conveniadas 15 ao longo de todo o ano.
No concello da Coruña finánciase o 46,7% das estadías totais na casa de acollida e o 18,2% dos pisos de inclusión o que supón unha achega 111.950,25 euros para gastos de persoal e gasto corrente. Son 7 prazas na casa e 2 no piso.
No recurso do Concello de Culleredo están reservadas 3 prazas que supoñen un importe de 33.111,39 euros, o 42,9% das estadías
Ferrol: o 20% das estadías están subvencionadas pola deputación o que supón un importe de 32.569,77.
Os convenios terán continuidade por un período de 2016 -2019 (4 anualidades) con fin de garantir estabilidade ao programa e facilitar a tramitación. Entre as melloras do presente acordo atópase a normalización do rexistro de altas, baixas e prórrogas; normalización da documentación e simplificación da memoria anual que hai que presentar. Increméntase tamén a coordinación entre as entidades locais e a Deputación para dar tamén apoio técnico e acadar así un maior seguimento dos casos e intervención social.