publicidade hoxe

A Deputación da Coruña asegura que o Plan Único “inicia un camiño de maior transparencia” no reparto de fondos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Sala Juanjo Gallo da Deputación da Coruña acolleu esta mañá a presentación aos alcaldes, alcaldesas e técnicos municipais dos concellos da provincia do novo Plan Único de Concellos- POS+ 2017, aprobado no último pleno da corporación provincial e dotado cun orzamento de 74 millóns de euros, o maior investimento contemplado nun plan na historia da institución provincial.

O acto contou coa asistencia do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, a vicepresidenta, Goretti Sanmartín Rei, o deputado responsable da área de Cooperación cos Concellos, Xosé Regueira, e dos técnicos responsables dos servizos provinciais de Xestión de Plans e Intervención, que foron os encargados de explicar polo miúdo os detalles administrativos e financieiros do plan, que incorpora importantes novidades con respecto aos desenvolvidos ata agora pola institución provincial coruñesa.

Transparencia e obxectividade no reparto de fondos

Valentín González Formoso destacou “o reparto obxectivo de fondos públicos” e a “autonomía municipal” como dous dos “piares fundamentais” do Plan Único, xa que o programa reparte os fondos entre os 93 municipios coruñeses baseándose nos criterios obxectivo do POS (poboación, extensión do municipio, número de parroquias, esforzo fiscal…), que dende hai máis de dúas décadas veñen empregándose con elevado consenso en diferentes plans provinciais e permitirá, por primeira vez, que os concellos decidan cales son as súas prioridades á hora de investir os fondos da Deputación.

Financiación local estable

O presidente subliñou tamén outra das novidades do plan, que é o seu “carácter dinámico”, que permitirá a incorporación progresiva de remanentes ao longo do exercicio sen necesidade de tramitar unha nova convocatoria, respondendo así “a unha das reclamacións históricas dos alcaldes: lograr unha financiación local estable”. Segundo as estimacións do goberno provincial, este carácter dinámico do POS+ 2017 podería permitir alcanzar un orzamento de 100 millóns de euros coa incorporación de remanentes ao remate do exercicio.

“O Plan Único inicia un camiño que non ten volta atrás, o da transparencia e a obxectividade no reparto de fondos públicos”, apuntou González Formoso, que destacou tamén entre as súas virtudes a “simplificación administrativa, ao reducir a tramitación de máis de 1.000 expedientes nos concellos” e a súa contribución ao saneamento das economías municipais, ao incorporar mecanismos para que os concellos podan axilizar o seu prazo de pago a provedores e amortizar débeda, o que redundará nun importante saneamento das arcas municipais dos concellos coruñeses nun prazo de dous anos.

Cambio de modelo

Pola súa banda, a vicepresidenta Goretti Sanmartín sostivo que o POS+ 2017 representa “un cambio total de modelo” con “maior protagonismo e capacidade de decisión dos concellos”, xa que lles permite coñecer de antemán de que cantidades van a dispor no vindeiro exercicio e dedicir en qué as queren investir.

O programa é, segundo a vicepresidenta, un “modelo de cooperación concentrada” que “parte do coñecemento dos concellos”, pois agrupa os diferentes plans existentes ata agora nunha soa convocatoria para ofrecer un total de 74 millóns de investimento distribuidos, con criterios obxectivos, entre a totalidade dos concellos coruñeses.

O deputado responsable da área de Cooperación, Xosé Regueira, destacou tamén algunhas da virtudes do plan e apuntou que “xa nos gustaría que outras administracións distribuiran os fondos con esta transparencia e obxectividade, o que permitiría aos concellos programar os seus investimentos”.

Simplificar a tramitación

O Plan Único contempla que en lugar de tramitar tres plans (o POS, o PAS e o PAI en 2016) e 11 liñas de subvencións diferentes se unifique todo nunha única convocatoria anual, o que permitirá aos concellos planificar mellor os seus orzamentos e programar os investimentos en función das súas necesidades. A incorporación das liñas de subvencións ao Plan Único suporá ademais que se deixen de tramitar 1.000 expedientes cada ano dende os concellos coruñeses, co consecuente aforro de custes e tempo.

Os 74 millóns do POS+ 2017 proveñen dunha achega orzamentaria do exercicio de 2017 por importe de 32,5 millóns de euros, que inclúe os 24,2 millóns que cada ano leva o POS, aos que por primeira vez se suman os 8,3 millóns de euros que ata agora se viñan destinando anualmente ás liñas de subvencións a concellos para investimentos e actividades en Cultura, Deportes, Promoción Económica, Turismo, Servizos Sociais, Igualdade e Envellecemento activo; unha achega de 20 millóns de euros que proveñen de superávit das contas provinciais en 2016 e unha liña de préstamos provinciais (ata agora destinados ao Plan de Aforro e Investimento-PAI) por importe de 21,5 millóns de euros.

Saneamento das economías locais

Dependendo do nivel de saneamento e do endebedamento de cada concello, o POS+ 2017 contempla dedicar ata o 75% dos fondos asignados para pagar de forma prioritaria aquelas débedas con provedores que teñan unha antigüidade superior aos tres meses, un mecanismo que non só servirá para sanear as contas dos concellos, senón que repercutirá positivamente no tecido empresarial, conformado en boa parte por pequenas e medianas empresas, incrementando así a actividade económica da provincia e axudando a consolidar o emprego a nivel local, obxectivo prioritario e transversal de todas as políticas do actual goberno provincial.

O POS+ 2017- Plan Único de Concellos non esquece tampouco a importancia de axudar aos concellos na redución da súa débeda coas entidades bancarias. A acción da Deputación neste sentido ten sido moi importante nos últimos dous anos grazas ao Plan de Aforro e Investimento (PAI), un plan de préstamos con cero xuros e dous anos de carencia que permitiu reducir a débeda dos concellos coruñeses en 17 millóns de euros e financiar novos investimentos por outros 16 millóns.

Este Plan contempla unha partida de 21,5 millóns para que os concellos que o desexen podan seguir solicitando este fondos destinados a reducir a débeda municipal.

14 de decembro de 2016 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.