A Deputación dá a coñecer nas xornadas técnicas “Empresarial Pontevedra 2016” o programa Smartpeme
O técnico do programa SMARTPEME da Deputación, José Antonio Piñeiro, participa este mércores na mesa redonda “Universidade, empresa e emprendemento” nas xornadas técnicas “Empresarial Pontevedra 2016”, que comezan mañá martes ás 16.00 horas na Casa das Campás, na cidade do Lérez.
Piñeiro explicará como “o uso estratéxico das redes sociais pode supoñer para as empresas pontevedresas máis vendas e máis ingresos”, mentres a selección de ferramentas tecnolóxicas axeitadas permitiría incrementar os beneficios tanto a través dunha maior facturación como a través do aforro de gastos “por conseguirse unha maior eficiencia” nos procesos. Escoller “un bo sistema de Planificación de Recursos Empresariais (ERP), aplicacións para a xestión de tarefas” que permitan aumentar a produtividade ou “unha plataforma de comercio electrónico” para xerar máis oportunidades de negocio son algunhas das opcións tecnolóxicas que presentará o técnico de SMARTPEME.
Tal como explicou o venres na presentación das xornadas o Deputado de Economía, Carlos López Font, hoxe en día a innovación é a “clave de futuro” para todos e todas, para o sector público e para o privado. De aí a importancia de xornadas de formación e debate para facer fincapé “na necesidade de mellorar os procesos empresariais, buscar novas vías de desenvolvemento económico ou favorecer o emprendemento con programas como DepoEmprende ou SmartPEME que puxo en marcha a Deputación”.