publicidade hoxe

A Deputación convoca aos 93 alcaldes da provincia da Coruña para presentar o novo Plan Único de Concellos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, está convocando durante esta semana aos alcaldes e alcaldesas dos 93 concellos da provincia, así como aos secretarios e interventores dos municipios coruñeses, a unha reunión o vindeiro mércores, día 14 de decembro, na sede da institución provincial, para informar acerca das importantes novidades que incorpora o novo Plan Único de Concellos (POS+ 2017), que foi aprobado no último pleno.

Ao igual que fixera coa presentación do Plan de Acción Social (PAS), o goberno provincial pretende explicar directamente aos rexedores da provincia as bases e o funcionamento administrativo e financieiro deste novo programa, que contará cunha dotación orzamentaria inicial de 74 millóns de euros, o maior investimento contemplado nun plan na historia da Deputación.

O propio González Formoso, xunto coa vicepresidenta, Goretti Sanmartín, o deputado da área de Cooperación cos Concellos, Xosé Regueira, e os técnicos responsables dos servizos provinciais de Xestión de Plans e Intervención serán os encargados de explicar polo miúdo un programa que incorpora importantes novidades con respecto aos desenvolvidos ata agora pola institución provincial coruñesa.

Entre as principais vantaxes que terá o Plan Único para os municipios da provincia figura a simplificación da tramitación, xa que en lugar de tramitar tres plans diferentes durante o ano (como o POS, o PAS e o PAI en 2016), unificase todo nunha soa convocatoria anual, axilizando a tramitación administrativa. Temén por primeira vez, un plan provincial terá carácter dinámico , xa que poderá absorber incrementos de orzamento sen necesidade de tramitar unha nova convocatoria, polo que o orzamento do programa a finais de 2017 podería alcanzar os 100 millóns de euros, segundo as estimacións do goberno provincial.

Máis autonomía para os concellos e saneamento das contas municipais

O novo Plan Único de Concellos (POS+ 2017) ofrecerá tamén aos concellos maior autonomía e flexibilidade á hora de decidir en qué investir os recursos asignados pola Deputación, dando resposta á situación e necesidades concretas de cada municipio, e contribuirá a sanear as economías municipais, xa que incorpora instrumentos tanto para priorizar o pago a provedores por parte dos concellos cando o período medio de pago das súas facturas exceda en máis de tres meses os 30 días que marca a lexislación actual, como para amortizar a débeda municipal, cunha liña de préstamos sen xuros similar ao PAI, que entre 2015 e 2016 permitiu reducir notablemente a débeda dos municipios coruñeses en máis de 17 millóns de euros.

Ademáis o POS+ 2017 ofrecerá aos concellos total transparencia e obxectividade na asignación de recursos, ao basearse nas mesmas variables ponderadas que dende hai máis de 25 anos se veñen usando para o reparto de fondos POS, polo que os concellos poderán saber de antemán con qué fondos contan para o vindeiro exercicio e planificar mellor os seus investimentos.

Dúas sesións

Dada a importancia da convocatoria e o limitado aforo da Sala Juanjo Gallo, onde se celebrará a reunión, estableceranse dúas sesións explicativas. Na primeira, que se celebrará a partir das 10 da mañá, participarán os concellos que, en orde alfabética, van de Abegondo a Mesía e na segunda (ás 12.00 horas), os concellos de Miño a Zas.

7 de decembro de 2016 | 17:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.