A Deputación colabora no acto solidario de Nadal en favor do Banco de Alimentos de Ourense
O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, acompañado polo alcalde da Peroxa, Manuel Seoane, e polo presidente do Banco de Alimentos de Ourense, Cecilio Santalices, presentaron hoxe no Pazo Provincial o acto solidario de nadal en favor do Banco de Alimentos de Ourense, que terá lugar no auditorio municipal da Peroxa o vindeiro 9 de decembro, ás 21.00 horas. O evento consistirá nunha representación teatral a cargo da compañía Sarabela Teatro, que porá en escena a obra Normas para saber vivir na sociedade actual, de Jean-Luc Lagarce, cun reparto integrado por Fina Calleja, Fernando Dacosta, Sabela Gago, Elena Seijo e Vadim Yukhnevich. O custe das entradas é de 5 euros e a totalidade da recadación irá a beneficio do Banco de Alimentos de Ourense.
Rosendo Fernández destacou que a cooperación da Deputación de Ourense con esta actividade solidaria “é unha maneira de seguir facendo Ourense entre todos”, e aproveitou para felicitar ao Concello da Peroxa “pola sensibilidade demostrada na organización deste tipo de eventos” e ao Banco de Alimentos de Ourense “polo labor que realizan os voluntarios desta organización ao longo de todo o ano e sinaladamente nestas datas de nadal, onde fan felices as festas de moitas persoas que o necesitan”.
O alcalde da Peroxa agradeceu a colaboración da Deputación de Ourense para levar a cabo este acto solidario, que se enmarca, dixo, “no acordo asinado entre a institución provincial e o concello da Peroxa para realizar tres actividades culturais solidarias como son as que xa se celebraron en favor de Aspanas e Cruz Vermella, e a do vindeiro 9 de decembro, en favor do Banco de Alimentos”, expresou Manuel Seoane.
Finalmente, Cecilio Santalices agradeceu ao Concello da Peroxa e á Deputación o feito de que “se poida transformar cultura en solidariedade”. “Desde Banco de Alimentos de Ourense, que atende a preto de 7.000 familias, estamos abertos a todo tipo de colaboración”, afirmou, e remarcou que nestas datas “o traballo dos voluntarios do banco intensifícase pois se incrementan as labores de clasificación de alimentos, recollida e repartos”.