publicidade hoxe

A Cociña Económica de Ferrol inaugura a súa nova sala

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFerrolLocal Portada
A-
A+
Inauguración da nova sala

Inauguración da nova sala

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o conselleiro de Política Social da Xunta, José Manuel Rey Varela, e o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, inauguraron hoxe o novo acceso e sala de espera da Cociña Económica de Ferrol, que financiaron conxuntamente o goberno provincial e o autonómico.

O presidente da Cociña Económica de Ferrol, Antonio Tostado, e a arquitecta do proxecto, Patricia Filgueira, foron os encargados de amosar ás autoridades o resultado das obras. Durante esta visita, Tostado agradeceu a “colaboración da Deputación da Coruña a través da súa subvención para inversións por valor de preto de 14.000 euros” cos que se cumpriu o obxectivo de dignificar o espazo.

Pola súa banda, González Formoso salientou a longa traxectoria de colaboración da Deputación da Coruña co comedor social, a través das subvencións que tramita cada ano para entidades sociais. No bienio 2015-2016, o comedor social xa recibiu máis de 51.800 euros da Deputación para facer fronte a gastos de mantemento, adquisición de equipamento e mobiliario e contratación do persoal necesario.

O presidente provincial tamén destacou a gran labor social desenvolvida pola Cociña Económica, que cumpre 125 anos, desde o 1881, atendendo ás necesidades das persoas en risco de exclusión social. Actualmente, o centro atende a un media de 240 persoas cada día, das cales 89 son usuarios cotiáns do comedor.

Neste sentido, a labor da Cociña Económica ferrolá foi recoñecida pola Deputación coa concesión do premio Concepción Arenal no 2014.

Acondicionamento e recuperación da fachada modernista

As obras nas instalacións do comedor social tiñan por obxectivo de garantir ás condicións necesarias para acoller aos usuarios da Cociña Económica, e ofrecer un espazo onde poidan refuxiarse en caso de condicións climáticas adversas durante o tempo de espera para recibir a súa comida.

O proxecto da arquitecta ferrolá Patricia Filgueira contemplou a utilización de materiais sostibles e a eliminación de todo o amianto presente na infraestrutura.

Asemade, os traballos incluíron a mellora das condicións de acceso e a posta en valor a parte esquerda do edificio, para deixar visible á vía pública a fachada de corte modernista construída no 1921 polo arquitecto ferrolán Rodolfo Ucha e, ao mesmo tempo, aumentar a luz natural e a habitabilidade no interior do inmoble.

16 de decembro de 2016 | 17:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.