Visto para sentenza o xuízo a un folguista de Vigo para o que acusación pide tres anos de cárcere

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Europa Press

O xulgado do Penal número un de Vigo deixou visto para sentenza o xuízo contra un traballador delegado da CIG que participou na folga do metal en 2009, para quen a acusación particular pide tres anos de prisión por supostos delitos de danos, allanamiento e vulneración do dereito ao traballo, mentres que a Fiscalía e a defensa solicitan a súa libre absolución.

O xuízo por estes feitos celebrouse este mércores e a Fiscalía mantivo que non puido acreditarse que o acusado, Xosé Carlos Riveiro, cometera o delito de vulneración do dereito ao traballo, e que os outros dous delitos propostos pola acusación particular -exercida por unha empresa- estarían prescritos.

Así mesmo, a defensa coincidiu coa Fiscalía, e remarcou que por parte da acusación tampouco se presentou ningún elemento probatorio, pois no que se refire á vulneración do dereito ao traballo non se dixo a qué persoas se tería vulnerado ese dereito, non se presentaron testemuños nin se citaron testemuñas.

En cambio, a acusación considera que o sindicalista formaba parte do piquete que rompeu cristais e cámaras na empresa. Ao respecto, axentes de Policía dixeron que cando chegaron ao lugar identificaron a Xosé Carlos Riveiro, pero recoñeceron que non viron como se cometeron eses feitos.

APOIO SINDICAL

En paralelo á celebración do xuízo, ante a sede xudicial déronse cita numerosos membros da CIG en apoio a Xosé Carlos Riveiro, do que dixeron que están “orgullosos”.

Así, consideraron unha “estupidez” que este caso chegara a xuízo “polo ánimo de vinganza dun empresario”, e reiteraron que os traballadores deben seguir combatendo”.

O secretario comarcal do sindicato, Alberte Gonçalves, mantivo que o caso deste folguista é “unha agresión ao movemento sindical galego e combativo”, co que se pretende “non tanto condenalo, como amedrentar os sindicalistas” para evitar mobilizacións. “Queren meter no cárcere un traballador por defender melloras no convenio colectivo”, acusou.

Con posterioridade ao xuízo, o voceiro da CIG-Industria trasladou os traballadores concentrados que cree que a resolución “pode ser favorable”, polo que está “medianamente contento”. A continuación, o propio Xosé Carlos Riveiro, emocionado, agradeceu o apoio recibido e lamentou: “Non tiñamos por que estar aquí”.

30 de novembro de 2016 | 16:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.