Vázquez Almuiña destaca en Ourense a aposta do Sergas por implicar os pacientes de saúde mental no seu proceso asistencial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseOurense
A-
A+
O conselleiro de Sanidade na visita á exposición no CHUO

O conselleiro de Sanidade na visita á exposición no CHUO

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, destacou hoxe na inauguración da exposición Photovoice: Fotografando a Depresión, que se pode visitar desde hoxe na entrada principal do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, a aposta do Servizo Galego de Saúde por integrar e implicar activamente os pacientes de saúde mental, en todas as fases da asistencia sanitaria, desde á planificación ata a toma de decisións.

“Esta interacción é un reto para todos, o futuro pasa por buscar métodos innovadores e avanzar nos procedementos necesarios para garantir a súa participación efectiva”, asegurou o hoxe o conselleiro en Ourense. Photovoice, explicou, consiste nunha estratexia de investigación e acción participativa na que as persoas crean e analizan fotos, que serven para explicarlle ao grupo a súa realidade vital. No caso desta exposición, recóllense as vivencias da súa enfermidade.

Vázquez Almuiña sinalou que, nos últimos anos, houbo un importante incremento da prevalenza desta patoloxía a nivel mundial e, de xeito paralelo, unha diminución da súa idade de comezo, de maneira que se converteu, segundo a Organización Mundial da Saúde, nun importante problema de saúde pública. A depresión ten un grande impacto sobre o crecemento e desenvolvemento persoal de nenos e adolescentes, sobre o seu rendemento escolar e as súas relacións familiares e interpersoais.

Polo tanto, dixo, debido ás características particulares desta doenza na infancia e na adolescencia, é importante contar con profesionais de atención primaria, e especialistas en saúde mental, con formación e experiencia no manexo do trastorno neste grupo de idade. Neste sentido, considerou imprescindible diminuír a variabilidade clínica, a través de ferramentas que axuden á toma das decisións, máis adecuadas, e baseadas no mellor coñecemento existente.

O Ministerio de Sanidade e a Consellería de Sanidade, conscientes desta realidade promoveron hai sete anos, a través do Proxecto GuíaSalud, a elaboración da Guía de Práctica Clínica sobre a Depresión Maior na Infancia e Adolescencia, que se está a modificar este ano.

Esta Guía, sinalou o conselleiro, estase a actualizar, cunha novidosa metodoloxía que recoñece a importancia de incorporar aos pacientes, nos procesos de toma de decisións compartidas, xa que esta interacción promove a transparencia e achega información, valiosa para integrar valores e preferencias.

A exposición que hoxe inaugúrase en Ourense, e que percorrerá distintos centros e hospitais galegos, é unha iniciativa que ten como obxectivo visibilizar a situación das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias e, así mesmo, reivindicar publicamente os dereitos deste colectivo, apelando á empatía da sociedade, cara estes pacientes, e incidindo na importancia de poñerse no lugar dos demais para comprenderlles mellor.

21 de novembro de 2016 | 17:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.