publicidade hoxe

Valentín García clausura na Coruña o Simposio Manuel María

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, clausurou este serán na sede da Real Academia Galega (RAG) na Coruña o Simposio Manuel María, un encontro organizado por esta entidade co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no que se deron cita máis dunha vintena de expertos e de expertas que ao longo de tres días abordaron as diversas facetas do autor homenaxeado polas Letras Galegas 2016.

García Gómez recordou durante a súa intervención o compromiso inquebrantable do autor chairego coa lingua e coa cultura galegas, “no que se asentan -dixo- unha amplísima produción que, amais de estar toda ela en galego, xira en moitas ocasións arredor do idioma propio de Galicia como tema explícito; así como as diversas iniciativas culturais, políticas e sociais que impulsou ao longo da súa vida. Un compromiso –engadiu– que o situou como un dos expoñentes da literatura galega do século XX e, sobre todo, unha vontade firme de normalización lingüística que o levou a apostar por unha ampla produción literaria dedicada á infancia”.

Colaboración interinstitucional no tributo a Manuel María

O secretario xeral tamén puxo de relevo a colaboración entre as institucións culturais de Galicia e a participación do conxunto da cidadanía para levar a cabo con éxito unha ampla programación de actividades que contribuíu durante este ano a un maior coñecemento do autor e da súa obra, con iniciativas promovidas ou apoiadas desde a Xunta de Galicia.

Entre elas cómpre destacar a mostra itinerante ‘Manuel María. Beleza, amor e compromiso’ (en colaboración coa Casa-Museo Manuel María), as exposicións escolares “Eu son esta terra e esta auga” e “Soñando Galicia con Manuel María”; a actividade de dinamización lingüística “Todo me fala de ti”, o videoclip “A Cidade”, o web manuelmaria.xornalistas.gal ou os proxectos que viron a luz desde o ensino.

Participaron canda el na mesa de clausura a académica Margarita Ledo e a secretaria da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Mercedes Queixas.

24 de novembro de 2016 | 20:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.