Uns 70 locais participan na nova edición do ‘Santiago(é)tapas’
Un total de 68 locais participan este ano no ‘Santiago(é)tapas’, que empeza este xoves e ata o domingo 4 de decembro ofrecerá máis dun centenar de pinchos (104) na capital galega.
A novena edición deste concurso foi presentada este martes en rolda de prensa pola concelleira de turismo, Marta Lois, e o xerente da Asociación Hostalaría Compostela, Ramón García.
Na comparecencia, Lois avanzou que en 2017, coincidindo co décimo aniversario, se celebrará unha edición especial do ‘Santiago(é)tapas’.
Este ano o prezo do pincho sobe 2,5 euros e haberá cinco rutas -‘(é)tapas’- a xeito de etapas do Camiño de Santiago, que se poderán percorrer para conseguir diferentes premios tras cubrir con selos o ‘tapasporte’.
PREMIOS
A votación popular será a responsable de decidir tres premios: o primeiro Premio Tapa do Público 2016, dotado con 1.000 euros; o segundo, con 500 en produtos e o ‘Premio (É)xcelente 2016’, para o local con mellor servizo integral.
O xurado especializado visitará de incógnito os establecementos e escollerá a proposta gañadora do Premio do Xurado á Mellor Tapa 2016. Como novidade, outorgará unha mención especial ‘Santiago(é)Cine 2016’ á tapa que, por título, técnica, produtos ou elaboración, estea vinculada ao mundo do cinema, en homenaxe aos 30 anos de Cineuropa.











