Un xulgado declara nula por abusiva unha cláusula de Vodafone sobre desbloqueo de terminais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+
Europa Press

O Xulgado do Mercantil número 1 da Coruña declarou nula por abusiva unha cláusula de Vodafone relativa ao desbloqueo de terminais, tras admitir a demanda interposta polo Ministerio Fiscal, Adicae e diferentes particulares contra a empresa de telefonía móbil polas cantidades cobradas.

No seu fallo, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o xuíz considera nula a condición xeral concretada no punto 8 dos contratos, no que prevé o cobramento dunha cantidade ao cliente por liberalizar os terminais móbiles.

“En definitiva, unha vez finalizado o período de permanencia, ou con anterioridade, se se aboou a cláusula penal ou se están a cumprir as obrigas derivadas do contrato, o cliente debe ter a posibilidade de utilizar libremente o terminal”, indica.

A sentenza explica tamén que o fallo ha de aplicarse a todos os clientes que celebraran ou vaian asinar contratos nos que a demandada preste servizos de telefonía móbil, aínda que non foran parte no proceso. Ademais, condénase a Vodafone a devolver as cantidades cobradas, incluídos os impostos.

POSIBLE MULTA

O xuíz acorda así mesmo que se imporá unha multa coercitiva a Vodafone de 5.000 euros por cada día que transcorra, a partir dos dous meses seguintes á data da firmeza da sentenza, en caso de que a empresa non cesara no uso das condicións xerais declaradas nulas.

Á demanda colectiva do Ministerio fiscal, “exercitando accións de cesación, devolución de cantidades cobradas pola demandada e indemnización por danos e prexuízos” puideron sumarse tanto asociacións como particulares de todo o territorio nacional.

CLIENTES DE AIRTEL

A Fiscalía sostivo, na súa demanda, que Vodafone impuxo unha limitación técnica aos teléfonos móbiles facilitados aos seus clientes “que impide utilizalos con outras compañías operadoras e restrinxe a posibilidade de destinalos a outros fins”.

Tamén recordaba que a empresa “absorbeu á empresa de telefonía Airtel” e que, en consecuencia, se subrogou na posición que ostentaba esta con respecto aos seus clientes “e tamén cobrou indebidamente cantidades por liberalizar teléfonos móbiles que procedían de contratos subscritos por clientes de Airtel”.

24 de novembro de 2016 | 17:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.