publicidade hoxe

Teo presenta Titiriberia, o primeiro festival cos títeres tradicionais como protagonistas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaTeo
A-
A+

A Sala de Plenos do Concello de Teo acollía esta mañá a rolda de presentación de Titiriberia, o primeiro festival a nivel de Estado que se centra nos títeres tradicionais. O evento, que organiza a Asociación Cultural Morreu o Demo coa colaboración do Concello de Teo e da Deputación da Coruña, achega a esta localidade un total de dez representacións de sete obras diferentes ademais dunha exposicións, mesas redondas, obradoiros e outras actividades.

O alcalde de Teo, Rafael Sisto Edreira; a concelleira de Cultura, Pilar Pérez Faxil, a vicepresidencia e responsable de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; e mais Anxo García, presidente da asociación cultural Morreu o Demo, presentaban esta mañá o programa do evento, que se desenvolverá entre o 7 e o 9 de decembro.

Na súa intervención, Rafael Sisto destacou que se trata dun evento “que vai mudar como visualizamos os títeres, unha grande oportunidade que ninguén debe perder”, e destacou a importancia de involucrar os centros educativos no programa do festival e de incorporar á axenda local novas actividades para o público infantil. Pola súa banda, a responsable local de Cultura, Pilar Faxil, apuntou que con este proxecto, “incrementamos a oferta cultural do concello”, e apuntou a variedade dun programa no que se inclúen “actividades cos centros de ensino, títeres para adultos, clásicos como Pinocho e títeres de cachiporra”, ademais de “actividades coa terceira idade”.

Proxecto de recuperación

Desde a Asociación Cultural Morreu o Demo, Anxo García sinalou que Titiriberia supón “un paso importante no proceso de recuperar, coñecer e actualizar estes títeres”, e lembrou que a Asociación Cultural Morreu o Demo “leva xa un tempo a traballar na recuperación do títere tradicional galego, do que Barriga Verde é o exemplo máis coñecido e, antes que el, os Cristovos”. Nesa liña, o festival pretende “reivindicar a súa vinculación cos títeres tradicionais que, a partir de Pulcinella, en Nápoles, se espallaron por toda Europa”. Do mesmo xeito, a vicepresidenta e responsable de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, marcou o evento como “un punto no camiño dun proxecto que ten partes de investigación, de recuperación e de posta en valor que conta xa cun tempo de traballo cunha traxectoria sólida” a cargo da Asociación Morreu o Demo.

Sanmartín incidiu na especifidade do evento que hoxe se presentaba. “Festivais de títeres hai outros pero este resulta moi específico pola súa vertente de recuperación dos monicreques tradicionais. Supón un proxecto absolutamente pioneiro que pensamos atopa no Concello de Teo un lugar estupendo para se asentar e agardemos que se desenvolver co tempo”, explicou. Do encontro destacou a importancia “deste patrimonio histórico e inmaterial” e o feito de que “ademais de espectáculos haxa obradoiros, mesas redondas e accións didácticas nos centros de ensino”, e chamou a acudir “a algunha das funcións para nos empapar do espírito de Barriga Verde, que boa falla nos fai rir un anaco”.

Apoio da Deputación da Coruña

A responsable provincial de Cultura explicou que a Asociación Morreu o Demo organiza este evento mercé á liña de axudas para a organización de festivais que convocou este ano o organismo provincial e lembrou ademais que o colectivo conseguiu tamén fondos doutra liña orientada a diferentes proxectos culturais de asociacións. Nese sentido lembrou que “desde a Deputación facemos unha aposta moi grande pola que nos parece unha iniciativa pioneira, ben traballada e que nos devolve ao que foi a principal expresión de teatro galego durante o franquismo”. Nese sentido destacou o aspecto interxeracional deste proxecto de recuperación. “É importante reunir as lembranzas de persoas maiores, que lembrar asistir aos espectáculos de Barriga Verde, co interese da xente máis nova”

Recuperación e futuro

Desde Morreu o Demo, García insistiu en que obxectivo da asociación a medio prazo é que “Barriga Verde volva a xurdir, se coñeza se actualice e se adapte ás novas circunstancias. Pretendemos que volva pasar por toda Galicia como facía nos anos 40, 50 e 60” e sinalou como “un fenómeno curioso, que dí moito de Galicia, o feito de que fose este o único lugar onde chegou a desaparecer un destes personaxes”, a lembrar que, desde os anos 60 e ata o actual proceso de recuperación, Barriga Verde deixou de estar presente nos escenarios.

Logo de agradecer a concello e Deputación o seu apoio sinalou a vontade da asociación de que “Titiriberia continúe e que non fique só en compañías da Península senón que tamén poida contar co Petrushka ruso co Punch de Inglaterra”. Na mesma liña se manifestou a concelleira de Cultura, a sinalar que “como concello agardamos que esta experiencia teña vocación de permanencia e que o ano que vén poidamos presentar a segunda edición” dun proxecto co que “reivindicamos a pegada de Barriga Verde na sociedade”. Goretti Sanmartín, finalmente, confía en que Titiriberia nacese “para ficar entre nós por longo tempo e que Teo sexa un lugar no que se poida crear este espazo específico de encontro e intercambio entre compañías de títeres, non só do Estado, senón a nivel internacional”.

O encontro achegará a diferentes localidades do concello un total de dez funcións de sete obras diferentes e múltiples actividades sobre estes espectáculos populares. Personaxes da familia de títeres europeso como o Pericu catalán, os Robertos portugues o Don Cristóbal andaluz e, por suposto o Barriga Verde galego, daranse cita nun programa inclúe tamén unha exposición, conferencias e mesas redondas.

Mesa redonda

Como elemento destacado no programa, a mesa redonda “A vixencia da cachaporra: Violencia nos títeres tradicionais?” debaterá a importancia deste elemento na tradición europea de bonecos e os xeitos nos que se pode achegar este patrimonio aos públicos actuais. Ao respecto, Anxo García sinalaou na presentación do evento, que “dentro da vocación de recuperar e dar a coñecer este patrimonio, queremos que non pasen cousas como as do pasado ano, cando se detivo a compañía Títeres desde Abajo por representar unha adaptación de títeres tradicionais”.

O encontro, moderado por Comba Campoi, contará coa presenza do principal historiador dos títeres a nivel peninsular, Adolfo Ayuso. Canda a el, contaremos en Teo coa presenza dun dos membros de Títeres desde Abajo, compañía tristemente famosa por seren acusados os seus membros de apoloxía do terrorismo precisamente por mor dunha adaptación do tradicional Don Cristóbal. Tamén estará presente Larraitz Urruzola, membro da compañía Babaluva, cunha ampla experiencia en espectáculos de bonecos de carácter didáctico e especialmente orientados á primeira infancia. Manolo Dios, educador e fundador do Seminario Galego de Educación para a Paz completa a mesa, que se celebrará o día 8 de decembro ás 21 horas na biblioteca dos Tilos.

Compañías

A primeira edición do encontro contará con convidados de altura como Sebastián Vergés, expoñente dunha saga de titiriteiros cataláns que mantén viva a tradición dos pericus. Asimesmo, a compañía portuguesa Red Cloud traerá o seu espectáculo de Dom Roberto, personaxe tradicional que ata os anos 60 do século pasado era habitual atopar nos teatriños dos parques e prazas do Porto. Pola súa banda a compañía granadina Siesta teatro presentará un espectáculo baseado na tradición europea de títeres de cachaporra á que incorpora tintes andaluces . No entanto, para grande parte do público o máis rechamante será a presenza da compañía Títeres desde Abajo, que se fixo famosa logo de seren acusados os seus membros de apoloxía do terrorismo precisamente pola súa versión do espectáculo de Don Cristóbal. Nesta ocasión, o grupo porá en escena outra das súas adaptacións, as Cristobitas, neste caso dirixida para público infantil.

Tradición galega

Barriga Verde está presente no programa a través da versión anovada do personaxe que Títeres Alakrán levou a escena. Logo da representación desenvolverase un encontro de memoria no que persoas do concello recuperarán as súas lembranzas do espectáculo, o personaxe e o mundo das feiras tradicionais. Ademais proxectarase o documental “Morreu o Demo, acabouse a peseta”, un percorrido polo mundo de Barriga Verde e dos títeres populares europeos dirixido por Pedro Solla. Pola súa banda, Viravolta Títeres amosará a súa interpretación da tradición galega da cachaporra coa posta en escena de “Vida, crimes e prisión de Toribio de Mañón”.

Diferentes locais do concello acollerán o groso das actividades, que inclúen tamén funcións específicas para o público escolar. A maiores, a biblioteca da vila acollerá a exposición “Onde foi Barriga Verde?” que reflexiona sobre o esquecemento deste personaxe.

30 de novembro de 2016 | 17:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.