Román Rodríguez pon en valor o traballo dos centros a prol da igualdade na loita contra a violencia de xénero

Román Rodríguez na visita ao IES Rosalía de Castro
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, destacou o traballo dos centros educativos a prol da igualdade de xénero e da promoción de valores como o respecto e a non discriminación desde idades temperáns co fin de erradicar a violencia de xénero. Así o expuxo esta mañá durante unha visita ao IES Rosalía de Castro, onde inaugurou unha exposición itinerante, impulsada pola Xunta de Galicia, con motivo do Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres.
Neste contexto, o titular do departamento educativo lembrou o traballo coordinado que está desenvolvendo o Goberno galego no ámbito da educación para fixar comportamentos baseados na igualdade, o respecto e a tolerancia. Deste xeito, recordou que este curso se puxo a disposición dos centros a materia de libre configuración autonómica Igualdade de Xénero, así como o Plan de Actuacións para a Igualdade nos centros educativos de Galicia, dúas iniciativas elaboradas de xeito coordinado pola Consellería de Cultura e Educación e pola Vicepresidencia da Xunta, a través da Secretaría Xeral de Igualdade. Así mesmo, tamén subliñou os diferentes programas desenvolvidos nos centros educativos en materia de igualdade ao abeiro dos Plans Proxecta.
O conselleiro estivo acompañado por un grupo de alumnos e alumnas de 4º de ESO e de 1º de Bacharelato do instituto, así como polo director, Ubaldo Rueda; polo director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; pola subdirectora Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero, Belén Liste; e polo subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Manuel Vila.
Exposición dirixida á mocidade
Baixo o lema “Á Violencia de Xénero… Dille NON!”, a exposición inaugurada no IES Rosalía de Castro está dirixida a axudar á mocidade a recoñecer, identificar e rexeitar condutas sexistas e nocivas nas súas relacións. Tras o seu paso polo instituto santiagués, a mostra rotará por outros dez centros educativos que desenvolven a acción, enmarcada no Plan Proxecta, “Por 365 días de respecto e igualdade”, así como por un total de 15 concellos adheridos á Rede de entidades locais contra a violencia de xénero: Mazaricos, Bóveda, Corcubión, Curtis, Monforte de Lemos, Bande, Noia, Mugardos, San Sadurniño, Ribadavia, Sanxenxo, Ferrol, O Grove, A Laracha e a Mancomunidade de Celanova. A exposición pode consultarse no seguinte enderezo http://igualdade.xunta.gal/gl/campanas/violencia-de-xenero-dille-non.











