Política Social destina 144.000 euros a catro proxectos de mellora da accesibilidade en edificios e espazos públicos da provincia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A Consellería de Política Social destinou 144.370 euros a catro proxectos de accesibilidade que desenvolverán outros tantos concellos da provincia. Así o explicou hoxe o delegado territorial, José Manuel Balseiro, quen incidiu na necesidade de “avanzar na accesibilidade universal para que todas as persoas teñan a oportunidade de desfrutar dunha participación social plena”.

Neste sentido, o delegado afirmou que esta liña de axudas busca “eliminar as barreiras de comunicación, non só as barreiras físicas; valerse de equipamentos que faciliten ás persoas con diversidade funcional a autonomía no uso dos espazos públicos e dos edificios destinados á prestación de servizos públicos”.

En definitiva, engadiu Balseiro, “trátase de promover a inclusión social de todas a persoas e de loitar contra calquera forma de discriminación”.

A consellería aprobou xa as subvencións ao abeiro deste programa para os concellos de Xove, Pedrafita do Cebreiro, Folgoso do Courel e Cervo.

A orde de axudas contempla a posibilidade de crear itinerarios accesibles e comprensibles, tanto en espazos abertos como en edificios de uso público, e a colocación de elementos como ascensores, ramplas, plataformas elevadoras ou pasamáns. Tamén a instalación de mobiliario urbano accesible e adecuación de vestiarios, aparcamentos ou aseos, entre outros elementos, así como a sinalización con sistemas tales como cartelaría con braille e altorrelevo, pictogramas, lectura fácil, bucles magnéticos ou pantallas de información.

30 de novembro de 2016 | 17:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.