‘O rueiro das liortas’ fai parada esta fin de semana en Barbadás e Castrelo de Miño
A actividade de dinamización lingüística ‘O rueiro das liortas’ remata a súa xira no marco do programa ‘FalaRedes’ esta fin de semana con senllas funcións en Barbadás e en Castrelo de Miño. Con elas, a compañía de teatro Elefante Elegante, integrada polos actores María Torres e Gonçalo Guerreiro, conclúen a xira que os levou por dez concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL). Con estas últimas citas da proposta teatral, o programa impulsado desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística despide a súa quinta edición logo de percorrer desde febreiro case un cento de concellos adscritos á RDL.
Poderase gozar o sábado, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura de Barbadás e o domingo, ás 18:00 horas, no Salón de Actos do Concello de Castrelo de Miño, nos dous casos con entrada libre e de balde ata completar a capacidade das salas.
Visión feminina, comedia da arte e teatro popular
O rueiro das liortas’ é unha proposta de dinamización da lingua galega, destinada a todos os públicos desde os oito anos de idade, inspirada na comedia da arte italiana e no teatro popular que se mergulla na vida dunha parella e nas dificultades para manter vivo o amor.
O dinamismo dos elementos escenográficos que representan diferentes espazos, un actor e unha actriz que interpretan múltiples personaxes e un neno e unha nena que fan valer a súa verdade son os ingredientes desta comedia iniciática. A obra, vista desde unha óptica feminina, ofrece a súa particular visión dunha realidade na que as persoas teñen por afección meter o nariz onde non as chaman.
Na liña dos espectáculos creados por Elefante Elegante, teatro visual baseado no texto e no movemento, a peza busca a universalidade e fusiona a palabra con outras linguaxes coma o teatro físico, a danza ou as artes plásticas e visuais. O obxectivo é que a cativada e a mocidade se acheguen ao teatro en lingua galega por medio dunha obra de coidada estética na que as emocións, os afectos, o humor e a palabra van dan man.
‘FalaRedes’, case un cento de actividades ao longo de 2016
O programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’ remata esta súa quinta edición logo de organizar case un cento de actividades en municipios de toda a xeografía galega. Os obxectivos do programa son ampliar a oferta de ocio na nosa lingua, promover o seu uso e valoración positiva, fornecer o ámbito municipal de actividades de lecer en galego e apoiar os artistas que desenvolven o seu traballo no idioma propio de Galicia.
Ao longo deste ano, ‘FalaRedes’ levou de xira polos municipios adheridos á RDL cinco novidosas propostas de calidade destinadas ao tempo de lecer de público de diferentes idades: ‘Todo me fala de ti’, ‘A viaxe de Rosalía’, ‘Xente miúda, moita fartura’, ‘Os Bolechas van ás Olimpíadas’ e ‘O rueiro das liortas’. Nas catro edicións anteriores, o programa chegou a todos os concellos que integran a RDL (que conta arestora con preto de 180 entidades adheridas), case 700 actividades para público de diferentes idades.