O pleno da Deputación da Coruña aproba o POS+ 2017

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe cos votos favorables do PSdeG-PSOE, BNG, Marea Atlántica, Compostela Aberta e Alternativa dos Veciños e o único voto en contra do Partido Popular as bases reguladoras do novo POS+ 2017- Plan Único de Concellos, un novo programa de investimentos destinado aos 93 concellos coruñeses e dotado con 74 millóns de euros, o maior orzamento contemplado nun plan provincial na historia da Deputación.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, cualificou de “momento histórico” a aprobación do plan que “cambia enormemente” as relacións cos concellos e destacou que “se basea na confianza do principio de autonomía local”, xa que outorgará aos municipios unha maior autonomía e flexibilidade á hora de programar os investimentos que conten con financiamento provincial.

“Estou convencido de que se facemos un referendo entre os alcaldes da provincia sobre se optan por este modelo ou o modelo anterior, sale por unanimidade; todos os alcaldes da provincia votarían a favor deste plan”, afirmou o presidente provincial, que considerou que o novo modelo “sempre se pode botar atrás, pero vai a costar sangre, sudor e lágrimas porque esta era unha aspiración municipal histórica”.

Con respecto a función do plan para sanear as economías municipais, Formoso lembrou que “o Goberno do Estado puxo en marcha mecanismos para axudar aos concellos a pagar as súas débedas con provedores, pero cobrou intereses por elo. Esta Deputación deseña un plan para amortizar a débedas cos provedores e cos bancos sen cobrar intereses, porque somos unha institución de apoio aos concellos”.

O desputado responsable da área de Plans e Cooperación cos Concellos, Xosé Regueira, destacou tamén que o Plan Único “representa un modelo singular de colaboración, que non existe en ningunha outra administración estatal e que marca un punto de inflexión e abre novas posibilidades aos concellos”, xa que por vez primeira se permitirá financiar con cargo a fondos provinciais cuestións como a redacción de proxectos ou a porcentaxe de cofinanciamento municipal nos convenios con outras administracións.

Regueira sostivo que o novo plan provincial ofrece “máis facilidades, máis autonomía local e máis transparencia” aos 93 municipios coruñeses e criticou que “alcaldes que agora non van apoiar este plan, sí deran o seu apoio a outros que lles supuñan perder fondos”, en referencia ao DTC, que primaba nos seus criterios de reparto de fondos ás grandes cidades.

O deputado de Plans subliñou ademais a posibilidade que o plan ofrece aos concellos para planificar os seus orzamentos do ano 2017. “Xa nos gustaría saber o que a Xunta de Galicia vai a investir nos nosos concellos a principios de ano”, afirmou.

Unificar plans e simplificar a tramitación

O POS+ 2017 unifica diferentes programas de investimentos existentes ata agora (o POS, o PAS e o PAI) e 11 liñas de subvencións a municipios nunha única convocatoria anual, permitindo aos concellos maior autonomía na elección do destino dos fondos que perciben da Deputación e simplificando a tramitación administrativa, ao eliminar a tramitación de mais de 1.000 expedientes.

Entre as principais vantaxes do plan están o seu “carácter dinámico”, que por primeira vez permitirá absorber incrementos orzamentarios procedentes de superávit sen necesidade de tramitar unha nova convocatoria, polo que o orzamento do Plan Único podería incrementarse ata os 100 millóns de euros ao final do exercicio 2017, segundo se detallou na súa presentación.

Saneamento das economías municipais

Outra importante novidade do plan será a súa contribución ao saneamento das economías municipais. Dependendo do nivel de saneamento e endebedamento de cada concello, o POS+ 2017 contempla dedicar ata o 75% dos fondos asignados para pagar, de forma prioritaria, aquelas débedas con provedores que teñan unha antigüidade superior aos tres meses.

Isto non só servirá para sanear as contas dos concellos, senón que repercutirá positivamente no tecido empresarial de cada municipio, conformado en boa parte por pequenas e medianas empresas, que poderán reducir o prazo de cobro das facturas pendentes cos concellos, incrementando así a actividade económica da provincia e axudando a consolidar o emprego a nivel local.

O POS+ 2017- Plan Único de Concellos non esquece tampouco a importancia de axudar aos concellos na redución da súa débeda coas entidades bancarias. A acción da Deputación neste sentido ten sido moi importante nos últimos dous anos grazas ao Plan de Aforro e Investimento (PAI), un plan de préstamos con cero xuros e dous anos de carencia (que o goberno provincial vén de ampliar a catro anos hai escasas semanas), o que permitiu reducir a débeda dos concellos coruñeses cos bancos en 17 millóns de euros e financiar novos investimentos por outros 16 millóns.

O POS+ 2017 inclúe unha partida de 21,5 millóns para que os concellos que o desexen podan seguir solicitando estes fondos destinados principalmente a amortizar as débedas dos concellos coas entidades financieiras.

Procedencia dos fondos

Os 74 millóns do POS+ 2017 proveñen dunha achega orzamentaria do exercicio de 2017 por importe de 32,5 millóns de euros, que inclúe os 24,2 millóns que cada ano leva o POS, aos que por primeira vez se suman os 8,3 millóns de euros que ata agora se viñan destinando anualmente ás liñas de subvencións a concellos para investimentos e actividades en Cultura, Deportes, Promoción Económica, Turismo, Servizos Sociais, Igualdade e Envellecemento activo; unha achega de 20 millóns de euros que proveñen de superávit das contas provinciais en 2016 e unha liña de préstamos provinciais (ata agora destinados ao Plan de Aforro e Investimento-PAI) por importe de 21,5 millóns de euros.

Os fondos distribuiranse de forma obxectiva entre todos os concellos coruñeses utilizando os criterios do POS, que se basean en cuestións como a poboación, a superficie ou o esforzo fiscal de cada municipio e que durante mais de 25 anos gozaron do consenso de todas as forzas políticas representadas na Deputación.

25 de novembro de 2016 | 18:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.