publicidade hoxe

O lucense Chema Pardo faise co premio Cineuropa 2016 pola súa “vida entregada ao cine”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRábadeSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O exdirector da Filmoteca Nacional Chema Pardo recibirá este venres o premio Cineuropa 2016, co que o festival santiagués premia ao lucense pola súa “vida entregada ao cine”, na que converteu dita entidade en “todo un referente internacional”.

Chema Pardo, nacido en Rábade (Lugo) en 1952, foi director da Filmoteca Nacional durante 27 anos até o pasado mes de marzo cando decidiu xubilarse. Unha traxectoria “máis recoñecida fóra que dentro de España” debido á “falta de apoio institucional”.

Entre outros recoñecementos, Chema Pardo recibiu o Fénix pola súa contribución á cultura cinematográfica de Iberoamérica ou a Espiga de Ouro de Honra na pasada edición da Seminci (Festival de Cine de Valladolid).

‘EN NEGRO CONTRA A VIOLENCIA’

Así mesmo, segundo informou a organización do festival, este venres Cineuropa súmase á campaña ‘En negro contra a violencia’, impulsada desde o Concello de Santiago para “loitar contra a secuela das violencias machistas”.

Así, para a xornada do venres está prevista a proxección de varias películas que abordan esta temática, como o filme ‘As sinsombrero’, que repasa a figura de Concha Méndez e Maruja Mallo, “mulleres felizmente libres desa Xeración do 27 da que practicamente só se coñecían os nomes masculinos”.

Este documental encabeza as votacións do público desde o inicio do festival e a entrada será libre até completar aforamento. A proxección será ás 17,30 no Salón Teatro.

Tamén para a xornada deste venres está reservada a celebración dun dos clásicos do festival de cine compostelán: o maratón de Cineuropa, a partir das 22,30 horas no Teatro Principal.

24 de novembro de 2016 | 18:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.