O Igape destaca a importancia de que as empresas conten con persoal especializado para consolidar a súa internacionalización

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

O director do Igape, Javier Aguilera, reuniuse en Santiago cun grupo de bolseiros que están a adquirir novas competencias profesionais en comercio exterior ao tempo que colaboran coas empresas galegas que desenvolven plans de expansión a outros mercados. Durante o encontro, salientou a importancia de que as empresas conten con persoal especializado neste ámbito para poderen iniciar ou consolidar a súa internacionalización.

Aguilera lembrou que a formación de capital humano especializado en comercio exterior é un dos obxectivos do eixo centrado na potenciación da cultura da internacionalización que se inclúe na Estratexia de internacionalización da empresa galega 2020. Ademais, salientou a progresiva incorporación ás empresas de persoal especializado en comercio exterior, que vén contando coa colaboración da Xunta a través do programa de apoio á contratación de xestores especializados, o que explica en parte a excelente evolución das exportacións galegas.

Avanzar neste reto é tamén, engadiu o director do Igape, o obxectivo do ambicioso programa de bolsas de promoción exterior que está a desenvolver a Consellería de Economía, Emprego e Industria, con máis de 40 novos titulados colaborando actualmente nos plans de internacionalización das empresas galegas, tanto en destino como en orixe, ao tempo que completan a súa formación no ámbito do comercio exterior.

Un total de 20 bolseiros de promoción exterior do Igape están especializándose e colaborando cos plans de expansión das empresas galegas en mercados como Perú, Marrocos, México, Estados Unidos, Colombia, Brasil, Reino Unido, Alemaña, Bélxica, Canadá, A China ou Emiratos Árabes. Outros 18 bolseiros colaboran, mentres se forman en comercio exterior, cos plans de internacionalización impulsados por clusters e organismos intermedios empresariais galegos. Outros catro están a formarse en servizos e programas de internacionalización desde o Igape, ao tempo que visitan empresas galegas para coñecer o seu potencial e os seus proxectos de internacionalización.

De acordo co previsto na Estratexia de internacionalización da empresa galega que está desenvolvendo a Xunta a través do Igape, as empresas dispoñen de servizos e liñas de apoio para cada fase de expansión exterior, desde os diagnósticos iniciais para coñecer o propio potencial ata as axudas para buscar novas oportunidades de negocio en feiras internacionais ou para consolidar proxectos de implantación comercial en mercados exteriores. Facilitar a formación e a incorporación de persoal formado en comercio exterior é un dos obxectivos.

Logo de acadar un récord histórico en 2015, con máis de 18.830 millóns de euros, as exportacións galegas seguen a medrar no que vai de ano, cun incremento do 5,4% ata o pasado mes de agosto, catro veces máis que a media española, cunha subida do 1,3%. Estes datos sitúan a Galicia como a cuarta comunidade onde máis medran as exportacións, incrementándose nun 22,4% o saldo positivo da balanza comercial galega, que é a terceira mellor de España en termos absolutos.

21 de novembro de 2016 | 12:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.