O embaixador de Paraguai e Feijóo analizan as oportunidades dunha maior relación entre ambos territorios
O embaixador da República de Paraguai en España, Antonio Rivas Palacios, abordou co presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, as “oportunidades” de establecer unha maior relación entre Galicia e o país sudamericano.
“Principalmente trataremos as relacións de Paraguai con Galicia e ver as oportunidades dunha maior relación”, subliñou o embaixador, en declaracións aos medios, na entrada da residencia oficial de Monte Pío, onde tivo lugar a reunión.
Entre as cuestións a abordar, situou a análise sobre o impulso dun achegamento entre Galicia e Paraguai, e tamén entre España e este país, nunha “situación de complementariedade económica” e para “un coñecemento mutuo”.
O encontro de ambos os dous dirixentes prodúcese nun contexto no que se denunciou a deportación dun novo paraguaio de 19 anos que residía en Galicia dende a infancia e que foi expulsado ao seu país de orixe.
Preguntado ao respecto e se abordaría o asunto con Feijóo, o embaixador limitouse a explicar que, sobre esta cuestión, se manteñen conversacións coa Dirección Xeral de Migracións, que explicaron que o caso “corresponde á cuestión individual do mozo”.
No encontro, ademais das autoridades de Paraguai e Feijóo, tamén interviñeron outros dirixentes galegos como o conselleiro de Economía, Francisco Conde.











