publicidade hoxe

Novos obradoiros SmartPeme da comarca de Vigo e Lalín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínPontevedraVigo
A-
A+

As oficinas SmartPeme de Vigo, Ponteareas, O Porriño e Lalín, acollerán durante todo o mes de decembro un total de nove obradoiros ao abeiro do programa “SmartPeme” da Deputación de Pontevewdra. “SmartPeme” oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e de mozos e mozas autónomas.

A oficina de Ponteareas acollerá os seguintes obradoiros: o martes 13 de decembro, “Promove o teu perfil en Facebook con aplicacións externas”. O xoves 15 será a quenda de “Google Analytics: Iniciación á analítica web” e, por último, o martes 20 desenvolverase “Recursos e ferramentas TIC para o teu negocio”. A oficina “SmartPeme” de Ponteareas, no Centro de Desenvolvemento Local, atópase en Lomba do Cruceiro, nº 5.

A oficina do Porriño acollerá os seguintes obradoiros: o xoves día 1, “Imos chamar á porta da túa clientela. Posicionamento SEO”. O mércores 14, “Como utilizar Instagram para promover a túa empresa” e a última quenda será a de “Deseña sinxelamente imaxes abraiantes e profesionais” o luns 19. A oficina “SmartPeme” do Porriño, no Multicentro do concello, atópase na rúa Ribeira, s/n.

As quendas para o mes de novembro na oficina de Vigo son as seguintes: o luns 12, “Sácalle partido á túa conta de Gmail”. Ese mércores, día 14, “Google Calendar, moito máis que unha axenda” e, para rematar, “Desenvolve a túa propia estratexia de E-mail marketing” o luns 19. A oficina “SmartPeme” de Vigo, na Sede da Deputación da cidade, atópase na Rúa Oporto, nº 3.

En Lalín, o venres 2, “Como mellorar a percepción da túa clientela cos teus e-mail?”. O mércores 14 será a quenda de “Fotografía de produto: especial sector téxtil” e, por último, “Vende os teus produtos de alimentación sen intermediarios” o seguinte mércores 21 de decembro. A oficina “SmartPeme” de Lalín, no Viveiro de Empresas situado no Polígono Lalín 2000, atópase na parcela E deste espazo.

Todas as actividades terán lugar en horario de 19:00 horas e a inscrición se pode facer a través do número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es

Lembramos que o novo proxecto “SmartPeme”, en palabras da Presidenta da Deputación na presentación do proxecto aos concellos celebrada a finais do pasado mes de xuño, “é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das pemes e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos campos de actuación e alcanza novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos”. Para isto, nas oficinas de SmartPeme no Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo se están a pór en marcha as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as pemes e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

29 de novembro de 2016 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.