Martiño Noriega volve pedirlle a Feijóo que coordine a política aeroportuaria
O alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, acusou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de “reducir todo a pelexas localistas” e volveu a esixir á Xunta que coordine a política aeroportuaria.
Este venres en comparecencia de prensa, Noriega indicou que non se sentiu “interpelado” polas palabras do titular da Xunta, quen o pasado xoves convidou aos alcaldes Vigo, Santiago e A Coruña a abandonar “as loitas entre eles” e facer públicas as axudas a aerolíneas que operan nos seus aeroportos.
“Se o que se pretende é dar a sensación de que todo queda reducido a pelexas localistas, non me sento interpelado”, manifestou Noriega para logo engadir que Santiago está disposto a “facilitar os datos” dos convenios con aerolíneas a condición de que “todo o mundo o faga”.
“Non temos ningún problema en transparentar os datos. […] Pero demandamos que o transparenten o conxunto das cidades e que a Xunta teña vontade de asumir ese rol de coordinación, que implica tamén o emprego de fondos públicos”, indicou.
“O DÍA DA MARMOTA”
En relación a isto, Noriega incidiu en que non se pode dicir que Santiago sexa transparente mentres a Xunta non asuma os labores de coordinación”, polo que convida ao Goberno galego a “asumir responsabilidades” para evitar estar “no eterno día da marmota da política aeroportuaria”.
Así as cousas, o rexedor compostelán mostrou o seu convencemento de que a capital galega destina menos diñeiro “en termos absolutos” para financiar aerolíneas para Lavacolla. “Non pode ser unha loita de casino de que concello pon máis diñeiro para financiar aerolíneas”, recalcou.
Doutra banda, tamén cre que os municipios non poden “financiar aerolíneas con fondos públicos que poderían ir baleiras” e que, grazas a iso, serían “rendibles” para a compañía. “Non é o caso de Santiago”, espetou.
Por último, asegurou que na “última reunión” da comisión de política aeroportuaria celebrada en Madrid, tanto o Ministerio, como os concellos da Coruña e Santiago estaban “a favor” de crear unha comisión de coordinación, polo que pediu á Xunta que se pronuncia. “Se Vigo non quere entrar, será a súa decisión”, resolveu.











