Mar Barcón pide cambios na xestora galega, pero di que o mellor servizo ao partido é “non polemizar”
A secretaria xeral da Agrupación Socialista Coruñesa e concelleira no Concello da Coruña, Mar Barcón, reclamou de novo cambios na xestora do PSdeG, aínda que instou a “non polemizar” respecto a esta cuestión.
A preguntas dos xornalistas, despois de que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurase que recibiu resposta da xestora federal á súa proposta de nomear unha nova dirección provisional galega, Barcón insistiu en que, en relación a esta cuestión, “quen ten que falar é a xestora federal do PSOE”.
“Na miña opinión, si que hai que facer cambios na xestora de Galicia”, sinalou Barcón, para quen non existen “motivos” que a fagan cambiar de opinión. Non obstante, considerou que evitar “polemizar” é nestes momentos “o mellor servizo ao partido”.
A dirixente socialista fixo estas manifestacións, a preguntas dos xornalistas, tras facer un balance do nivel de execución nas emendas presentadas polo grupo municipal socialista ao presuposto deste ano.











