publicidade hoxe

López-Chaves explica aos 14 alcaldes da Área Metropolitana a situación actual da tramitación da lei

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMosPontevedraRedondela
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, remitiu hoxe aos 14 alcaldes e Corporacións locais dos concellos que conforman a Área Metropolitana unha carta na que explica a situación actual da tramitación da Lei así como a consulta feita ao Consello Consultivo ante a solicitude de información dos concellos de Mos e Redondela.

Coma explicou o delegado, estes municipios se dirixiron á Vicepresidencia da Xunta polas “dúbidas” existentes para por en marcha a Área Metropolitana sen que o Concello de Vigo cumprise o acordo ao que se chegou o pasado 22 de febreiro para a súa incorporación efectiva ao Plan de Transporte Metropolitano de Galicia e tras a correspondente firma do convenio de adhesión coa Xunta de Galicia o pasado 6 de xullo.

O Goberno galego decidiu dirixirse ao Consello Consultivo de Galicia, supremo órgano consultivo das Administracións públicas da Comunidade Autónoma, para que emitise ditame –con carácter urxente- sobre se compre poñer en marcha a Área Metropolitana sen incorporarse o transporte urbano de Vigo ao Plan de Transporte Metropolitano. Coma lembrou López-Chaves, a día de hoxe soamente se cumpriu un dos requisitos acordados entre todos os alcaldes e alcaldesas na reunión do pasado mes de febreiro, que foi a aprobación da modificación da Lei, pero non así a incorporación efectiva de Vigo ao PTM.

O delegado insistiu no acordo e consenso acadado entre os 14 concellos ademais de que a posta en marcha da Lei sempre estivo vinculada á incorporación efectiva de Vigo ao Plan de Transporte Metropolitano. Por isto emprazou ao alcalde de Vigo a que cumpra o acordado e o convenio firmado e se integre no Plan de Transporte Metropolitano significando ademais que a Lei da Área Metropolitana aprobada por unanimidade do Parlamento de Galicia establece na súa disposición adicional decimoprimeira que: “A efectiva posta en funcionamento da Área Metropolitana de Vigo requirirá a previa integración efectiva do transporte urbano de Vigo no Plan de transporte metropolitano de Galicia, tras a formalización do correspondente convenio de adhesión entre a Xunta de Galicia e o municipio. Esta incorporación realizarase nas mesmas condicións que o resto dos municipios galegos adheridos ao plan, garantindo a igualdade de tratamento de todas as persoas usuarias”.

De non ser así, e debido a que a posta en marcha da Área “é un tema tan transcendente”, a misiva especifica que “non deberían asumirse riscos de ilegalidade e non debería celebrarse a reunión da Asemblea Metropolitana sen esperar aos ditames do Consello Consultivo, sabendo que non existe ningún problema legal por atrasar a celebración da mesma”.

López-Chaves chamou a tomar unha “postura de prudencia” e agardar á emisión dos informes xurídicos do Consultivo para non incorrer en responsabilidades na posta en marcha da Área. “A prudencia aconsella a esperar a eses informes antes de constituír a Asemblea Metropolitana”, dixo o delegado, quen recordou ademais que o propio alcalde de Vigo tamén solicitou informes ao mesmo órgano sobre a constitución da Área.

24 de novembro de 2016 | 18:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.