Jesús Vázquez destacou o esforzo realizado en campañas de promoción relacionadas coas enfermidades da pel
“A poboación presta cada vez máis atención á saúde en relación coas enfermidades da pel, as súas manifestacións e os seus riscos, en particular, do desenvolvemento do cancro cutáneo. Unha gran parte deste cambio de percepción da saúde dermatolóxica vén derivada do esforzo realizado en campañas de promoción que se están a levar a cabo nos últimos anos. O camiño da formación e educación sanitaria á poboación é unha das vías importantes para continuar desenvolvendo no futuro”. Así o remarcou o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, no acto de inauguración da XXVIII Reunión do Grupo español de dermatoloxía estética e terapéutica, que tivo lugar no Palacio de Congresos da capital de Galicia.
Para o máximo responsable da carteira sanitaria do Executivo galego, “na dermatoloxía actual cobra especial importancia o desenvolvemento das TIC. En Galicia está ampliamente implantada a telemedicina, incluíndo a teledermatoloxía. As novas ferramentas tecnolóxicas, imaxe dixital e redes para o intercambio de datos, representan unha oportunidade que aproveitouse para aumentar a capacidade de resolución da atención primaria, evitar desprazamentos e esperas ao usuario e liberar as consultas hospitalarias de citas sen patoloxía”. No ano 2015, o Sergas realizou 25.421 consultas de teledermatoloxía, o que supón un incremento do 30% respecto do 2014, no que se fixeran 19.463.
É posible, -dixo o conselleiro-, “ter acceso á teleconsultas entre un médico dun centro de saúde e un dermatólogo co obxectivo de chegar a un diagnóstico e un tratamento nun prazo de tempo que permita un mellor diagnóstico e identificación, por exemplo, de lesións cancerosas ou precancerosas. Este modelo permite unha maior integración dos niveis asistenciais de atención primaria e hospitalaria”.
En definitiva, “a tecnoloxía reforza a capacidade resolutiva do médico de familia, que pode dirixir as súas dúbidas ao dermatólogo de referencia e recibir unha resposta rápida, que contribúe, ademais, a incrementar a súa formación”.
Para rematar a súa intervención, o conselleiro dixo que “dende o Sergas apostamos moi decididamente pola innovación. Nesta liña seguiremos avanzando na incorporación de novas tecnoloxías á práctica asistencial, fomentando aínda máis a telemedicina, a atención non presencial e en rede, e baseando todo nun elemento vertebrador da asistencia como é a historia clínica electrónica, ferramenta imprescindible para a comunicación entre niveis”.











