Inaugúranse as xornadas ‘Desfacendo a raia’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

A Asociación Galega de Literatura Infantil e Xuvenil, Gálix, celebra entre hoxe e mañá en Santiago de Compostela as xornadas ‘Desfacendo a raia’, que teñen como tema central a literatura infantil e xuvenil en Galicia e en Portugal, co fin de tender pontes entre profesorado, escritores, ilustradores, editores e críticos de ambas as dúas beiras do Miño.

No acto de apertura, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo –acompañado polo presidente de Gálix, Xosé Antonio Perozo– referiuse á necesidade de seguir avanzando no camiño de intercambio e de diálogo entre as culturas galega e portuguesa, a través de espazos de traballo de referencia como o literario. Neste ámbito, os departamentos de Cultura dos gobernos de Galicia e do Norte de Portugal puxeron en marcha no último ano diversas iniciativas, entre as que destacan o Premio Literario Nortear para a mocidade escritora de Galicia e do Norte de Portugal e o ciclo de conversas Nortear, coa participación de recoñecidos escritoras e escritores galegos e portugueses.

“Esperamos que este camiño iniciado –dixo– vaia sendo ensanchado e mesmo que vaia abrindo novos ramais no futuro, que nos permitan reforzar este interesante, enriquecedor e imprescindible diálogo cultural entre Galicia e o país veciño”.

Desfacendo a raia na escrita, na edición e na escola

A galería Sargadelos acolle entre hoxe e mañá estas xornadas, que inclúe diversas mesas redondas arredor da escola, da escrita e da ilustración, e da edición e crítica literaria. A música tampouco faltará nas xornadas, cunha actuación musical de clausura a cargo de Uxía Senlle e Sérgio Tannus.

A Consellería de Cultura e Educación vén colaborando desde hai anos coa actividade desenvolvida por Gálix a prol da promoción da cultura e da lingua galegas a través da literatura infantil e xuvenil. Neste marco de colaboración, ambas as entidades coeditan anualmente o ‘Galician Books for Children & Young Adults’, un catálogo dos libros infantís e xuvenís –publicado en galego, castelán e inglés– que reúne os títulos máis recentes para os lectores novos e que constitúe un material de interese para a promoción da produción editorial galega.

25 de novembro de 2016 | 18:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.