publicidade hoxe

Goretti Sanmartín Rei solidarízase cos traballadores de Ferroatlántica no peche de Cee

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCee
A-
A+

A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, expresou a súa solidariedade cos traballadores de Ferroatlántica nunha visita ao peche no Concelloade Cee en que estivo acompañada polo alcalde de Zas e deputado, Manuel Muiño. Reclamou, tal e como se aprobara nunha declaración institucional no pleno da Deputación o pasado mes de marzo, o mantemento da actividade produtva e dos postos de traballo no centro de Cee-Dumbría.

Máis de setenta traballadores participaron na xuntanza organizada polo Comité de Empresa de Ferroatlántica para lle transmitir á vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, e ao alcalde de Zas e deputado, Manuel Muiño a súa preocupación polo perigo que corren os 400 postos de traballo da factoría amenazados pola posíbel segregación.

Na visita ao peche que manteñen os traballadores na casa do Concello de Cee, Goretti Sanmartín Rei mostrou a súa solidariedade coa situación que están a atravesar e reclamou, na liña do acordado na declaración institucional aprobada en marzo no pleno da Deputación da Coruña, a non segregación e o mantemento da actividade produtiva e dos postos de traballo no centro de Cee-Dumbría.

Na súa intervención perante a asemblea de traballadores que tivo lugar no salón de plenos do consistorio, Goretti Sanmartín esixiu que o goberno da Xunta sexa , “claro e contundente e evite ambigüidades para levar a seguranza e tranquilidade a catrocentas familias afectadas”.

A Deputación da Coruña, a través da súa vicepresidenta e o deputado de Asistencia a Municipios, achegouse ao peche de traballadores de Ferroatlántica nunha asemblea en que diversas intervencións expresaron a preocupación do momento polo futuro dos postos de traballo. “Constatamos o nerviosismo e a intranquilidade de tantas familias que non viron no debate parlamentar de onte unha posición clara a este respecto do goberno da Xunta de Galicia”, valora Goretti Sanmartín despois da xuntanza.

Os traballadores demandáronlle á Deputación que trasladase, máis unha vez reafirmámdose nela, a declaración institucional asinada en marzo deste mesmo ano por todos os grupos políticos a todas as institucións e organismos pertinentes e aos medios de comunicación para impedir a venda de Ferroatlántica, evitar a segregación e conseguir que os postos de traballo que se derivan da xestión, administración, contabilidade e explotación da división de enerxía recaian no centro de traballo de Cee-Dumbría Centrales Hidroeléctricas como así foi desde sempre na historia de Carburo Metálicos.

O alcalde de Zas e deputado provincial, Manuel Muiño, será un representantes dos concellos da comarca que mañá manterán unha reunión na cidade da Coruña co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en que, segundo manifestou na reunión cos traballadores, lle comunicarán a posición unánime de defensa dos dereitos dos postos de traballo e da negativa á venda de Ferroatlántica.

Finalmente, a representación do goberno da Deputación comprometeuse a facer un seguimento do debate político público a este respecto e mostrou a súa dispoñibilidade de participar tanto cos alcaldes da comarca como co Comité de Empresa para contribuír, na medida das súas posibilidades, á resolución da situación. Así mesmo, transmitiu o seu apoio incondicional ás reivindicacións de traballadores e familias afectadas e o traslado desta cuestión a todas as administracións e persoas con responsabilidade na materia.

24 de novembro de 2016 | 18:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.