González Formoso reúnese coa directiva de Sarela-Asociación de Dano Cerebral de Compostela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaSantiago de Compostela
A-
A+
González Formoso na reunión coa directiva de Sarela

González Formoso na reunión coa directiva de Sarela

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a deputada responsable da área de de Benestar Social, Ánxela Franco, reuníronse esta mañá con representantes da directiva de Sarela- Asociación de Dano Cerebral de Compostela, cos que abordaron as diferentes liñas de colaboración que a institución provincial mantén coa entidade.

A vicepresidenta da entidade, Concha Otero, destacou “o importante apoio económico” da Deputación para a posta en marcha da nova sede da rúa Pedro Cabezas, na zona do Castiñeiriño da cidade compostelá, “que esperamos que sexa pioneira e referente a nivel galego” e invitou ao presidente e á deputada ao acto oficial de inauguración das instalacións, que terá lugar o vindeiro 19 de decembro

A Deputación achegou preto de 400.000 para a construción deste novo centro, a súa adaptación interior, eliminando barreiras arquitectónicas, e o equipamento do inmoble, que inclúe diversas aulas para actividades, sala multisensorial, zonas para tratamentos (fisioterapia, psicoloxía, promoción da autonomía persoal) e comedor, entre outras estancias.

O centro de día de Sarela conta actualmente cunha capacidade de 40 prazas, 23 das cales están xa en funcionamento, ao que hai que sumar os numerosos servizos que presta a decenas de usuarios, que participan en distintas terapias.

Os responsables de Sarela e da Deputación analizaron tamén as liñas de colaboración actuais entre ambas as dúas entidades, que inclúen o programa de rehabilitación para persoas afectadas por dano cerebral adquirido, cofinanciado pola institución provincial con 12.471 euros, e o servizo de transporte adaptado para os usuarios do centro de día e o centro ocupacional, que conta cunha achega de 14.899,92 euros en 2016.
Valentín González Formoso e Ánxela Franco destacaron “o gran labor” que desenvolve Sarela, “axudando a mellorar a autonomía e a calidade de vida das persoas afectadas por dano cerebral e as súas familias” na área sanitaria de Santiago de Compostela e informaron aos reponsables da entidade das novas liñas de apoio a entidades sociais que ten en marcha o goberno provincial.

Entre elas, destaca a convocatoria dunha liña de subvencións por importe de 400.000 euros para a adquisición de vehículos de transporte adaptado destinados ás entidades de carácter social da provincia, da que a entidade compostelá podería beneficiarse .

21 de novembro de 2016 | 17:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.