Francisco Conde defende a aposta pola innovación e o talento nunha xornada sobre industria 4.0 da fundación San Pablo Ceu Castela e León

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu esta tarde en Valladolid a un acto organizado pola Fundación San Pablo CEU Castela e León, no que impartiu unha conferencia baixo o título O sector industrial ante os retos da innovación. Durante a súa intervención, defendeu a necesidade de apostar pola innovación e o talento, as dúas ferramentas que permitirán facer fronte aos retos da Industria 4.0.

Conde informou polo miúdo da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) e da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, a folla de ruta coa que conta Galicia para cumprir os obxectivos e converterse nun referente da cuarta revolución industrial. Neste sentido, asegurou que a Industria 4.0 supón unha “oportunidade para que comunidades como Castela e León ou Galicia reinventen a súa industria, impulsando a súa competividade e accedendo a novos mercados”.

Aínda que as estatísticas amosan que Galicia se atopa nunha etapa de consolidación da súa economía, co PIB galego crecendo a un ritmo anual do 3,3% e mellorando nos nove primeiros meses do ano as cifras de exportacións de 2015, cando se bateu o récord histórico galego, o conselleiro subliñou que é preciso impregnar ao tecido industrial e aos seus empresarios dos valores das ideas, o talento e o esforzo.

Para lograr este obxectivo, a RIS3 conta con tres grandes retos: avanzar cara o novo modelo de xestión de recursos naturais e culturais baseado na innovación, modernizando os sectores primarios, mellorando a eficiencia no uso dos recursos propios e impulsando o seu enfoque cara novas iniciativas; fomentar un novo modelo de vida saudable cimentado no envellecemento activo da poboación; e camiñar cara a Industria 4.0, o que contribúe a aumentar a intensidade tecnolóxica da estrutura industrial galega.

Sobre este último reto, o conselleiro explicou durante a súa intervención que a Xunta, coa súa aposta pola Industria 4.0, busca apoiar tanto aos sectores estratéxicos como aos emerxentes. “Coa posta en marcha da Axenda da Competitividade, buscamos que o peso do sector secundario no noso PIB alcance o 20%, sumando 50.000 novos empregos ata 2020”.

Neste sentido, o impulso da Axenda xa permitiu en Galicia abaratar o solo industrial, ofrecer apoio financeiro ás empresas para que conten con liquidez, e impulsar a capacitación do mellor talento galego; ao tempo que se puxeron en marcha iniciativas como a oficina Doing Business para favorecer a posta en marcha de negocios e a tramitación de expedientes, ou como o concurso de ideas Industria 4.0 que permitiu seleccionar os mellores proxectos piloto da fábrica intelixente, nos que participan preto de 40 empresas de sectores como automoción, aeronáutica, agroalimentario e madeira.

Durante a súa conferencia, Conde animou a acompañar ao tecido industrial na integración de sistemas de produción intelixentes para lograr “un cambio radical das cadeas de valor e do proceso produtivo”. Así, puxo como exemplo o desenvolvemento de mecanismos que favorezan a fábrica e loxística intelixente; a posta en marcha de redes intelixentes de enerxía para que as empresas aforren custes e sexan máis eficientes e competitivas; e a creación de produtos intelixentes, como o polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados de Rozas (Lugo) ou o primeiro vehículo autónomo que percorreu as estradas españolas e que saíu da fábrica de PSA en Vigo.

24 de novembro de 2016 | 20:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.