Feijóo convida aos nenos a ler na presentación dunha obra póstuma de Neira Vilas
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, animou esta mañá aos nenos galegos a ler, na presentación dunha obra póstuma de Neira Vilas coincidindo co aniversario do seu pasamento.
Quique na aldea é o título deste conto cuxo protagonista é moi distinto ao coñecido Balbino de Neira Vilas. Trátase dun rapaz que vive nunha vila e descubre a aldea nunhas vacacións cos seus avós.
“Hai xente que non tivo a sorte de nacer no rural, como Quique, e é moi bo que a xente da cidade o veña a coñecer” afirmou o presidente. Feijóo describiu a Neira Vilas como unha persoa que “nunca se esqueceu da súa aldea, nin de Gres, nin de Galicia, nin da paisaxe”
Dirixíndose aos nenos Feijóo afirmou que a Neira Vilas “o que lle gustaría é que leades, que medredes en liberdade e que medredes con coñecemento”, sentenciou.