Dous hóspedes dun hotel trasladados tras inhalar gas procedente dunha neveira avariada en Vigo
Dous hóspedes dun hotel foron trasladados por precaución a un centro hospitalario tras inhalar gas dunha neveira nun establecemento na cidade de Vigo.
Segundo informou o CAE 112 Galicia, os feitos aconteceron despois das 00,00 horas deste mércores nun establecemento situado na Vía do Norte en Vigo.
Os bombeiros da cidade explicaron que a orixe da fuga se sitúa no serpentín dunha neveira de bebidas, que estaba picado, segundo sinalaron as mesmas fontes.
Os hóspedes do cuarto afectado foron trasladados a un hospital por unha ambulancia de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Os profesionais sanitarios decidiron practicarlles análise e outras probas para descartar unha posible intoxicación.
Foron os propios afectados os que puxeron en contacto co 112 Galicia en canto sentiron un forte olor a amoníaco no cuarto.
Ademais de alertar ao Centro de Atención ás Emerxencias de Galicia, informaron o persoal do hotel, que puxo os medios para arranxar a avaría. Así, os bombeiros consideraron innecesario desaloxar o establecemento.











