Detido un home que agrediu a outro por unha disputa de tráfico en Ourense
A Policía Nacional de Ourense detivo un home acusado de agredir na rúa a outra persoa tras unha disputa de tráfico.
Os feitos que motivaron a detención sucederon o pasado día 14 de novembro, sobre as 18.00 horas, cando un viandante informou a Policía de que un home sufrira unha agresión e estaba a sangrar abundantemente despois de recibir varios golpes por parte de dous individuos por unha disputa de tráfico.
A disputa tivo lugar na confluencia da Rúa do Paseo co parque de San Lázaro, onde un monovolume se atopaba obstaculizando o paso. O condutor dun turismo que circulaba pola zona baixou do vehículo para solicitar ao condutor que o retirase, tras o que dous mozos se baixaron da parte traseira do monovolume e comezaron a agredir ao home.
A vítima recibiu puñazos e patadas e os mozos continuaron agredíndoo cando xa se atopaba no chan, “e cesaron unicamente ante a intervención de dous viandantes que presenciaron a escena”, di a Policía.
DETIDO
Como consecuencia da investigación, os axentes detiveron por esta agresión un home de 33 anos, veciño de Ourense e ao que lle constan 3 detencións anteriores.
Así mesmo, a Policía continúa a investigación para lograr a identificación do resto de persoas que interviñeron na agresión, dado que no automóbil ían cinco persoas, os dous mozos que se apearon, o condutor, unha muller e outro individuo na parte traseira.
Así, os axentes estenden ao resto de persoas que atopaban no vehículo igual responsabilidade por canto “a bo seguro a intervención de calquera deles podería deter o ataque”, destacou o corpo.