publicidade hoxe

Cores Tourís analizou cos alcaldes do Rosal, Cuntis, a Lama e Meaño as demandas en relación á administración autonómica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LamaCuntisMeañoO RosalPontevedra
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, realizou hoxe unha visita institucional aos concellos do Rosal, Cuntis, A Lama e Meaño onde mantivo unha entrevista cos seus alcaldes, os que lle transmitiron as principais preocupacións dos municipios en relación á actividade da administración autonómica.

O delegado territorial continúa así, tras tomar o pasado luns 21 posesión do seu cargo, a rolda de visitas polos concellos dependentes da Delegación Territorial de cara a escoitar os responsables municipais e analizar as súas demandas.

Entre as principais necesidades que demandou o rexedor do Rosal ao delegado territorial atópanse cuestións relacionadas coa mellora de infraestruturas, así como políticas activas de creación de emprego, turismo e mellora dos centros educativos.

Jesús María Fernández analizou con Cores Tourís a posta en marcha no 2017 das obras de execución das beirarrúas de Pancenteo na PO-353, toda vez que o proxecto, que supón máis dun millón de euros de investimento, xa saíu a exposición pública e se está agora mesmo rematando coas expropiacións.

Esta obra supón unha importante mellora da estrada que une Pancenteo-Marzán entre os puntos quilométricos 3,150 ao 5,360. As obras, como explicou o delegado territorial, suporán a mellora da sección da estrada, a renovación e ampliación das beirarrúas, a incorporación dunha senda peonil, a substitución da drenaxe lonxitudinal e o reforzo do firme.

Por outra banda, o delegado e o alcalde tamén analizaron as posibles iniciativas para a dinamización e creación de emprego como o obradoiro que se atopa actualmente en funcionamento e que permitirá a reconversión do Mercado de San Miguel.

Finalmente, tamén analizaron a obra que, a través de Turismo de Galicia, permitirá ao Rosal contar cunha área de recepción de visitantes para os Muíños do Folón e do Picón, obra que contará cun investimento de 250.000 euros e que impulsará o turismo neste concello.

Cuntis

Pola súa banda, o alcalde de Cuntis, Manuel Campos analizou con Cores Tourís proxectos como o convenio de colaboración que permitirá a execución de melloras nas beirarrúas da PO-220 na rúa do Convento ao longo dos 300 metros nos que se atopan en mal estado, así como diversas necesidades no saneamento da localidade.

Ademais de infraestruturas e saneamento, tamén mostrou o concello de Cunstis a súa preocupación polas necesidades do CPI Don Aurelio, xa que considera que sería necesario poñer en marcha un proxecto de cambio de teitos e fachada. Neste senso, Cores Tourís recordou que a administración autonómica está a traballar en colaboración cos concellos de cara ao financiamento entre ambas administracións das melloras dos centros educativos, “o que axiliza a súa execución”.

O alcalde ademais transmitiu a Cores Tourís a necesidade dun vehículo para a Policía Local que será solicitado á Consellería de Presidencia. Por outra banda, tamén solicitou ao delegado territorial que se teña en conta a Cuntis no próximo paquete de transferencias de centros de saúde e que se axilice a tramitación da concentración parcelaria de Troáns.

Meaño

A rexedora de Meaño, Lourdes Ucha, analizou con Cores Tourís a execución dunha senda entre Dena, Os Pasales e Lores xunto ao río. Neste senso, o delegado territorial comprometeuse a realizar xestións ante a Consellería de Medio Ambiente para trasladarlle a demanda do municipio.

Por outra banda, a alcaldesa tamén trasladou ao delegado territorial a necesidade de creación dun comedor no colexio de Dena que, a maiores, tamén poida utilizarse como salón de actividades. Lourdes Ucha solicitou así a Cores Tourís que lle traslade ao conselleiro de Educación o seu interese por manter unha reunión na que informalo sobre esta demanda. Neste senso, o delegado territorial recordou a alcaldesa a importancia de continuar a traballar na senda da colaboración entre institucións de cara a poder executar obras e melloras nos centros educativos.

Finalmente, a rexedora comentou que desexaría volver a solicitar axudas para o cambio de luminarias de cara a conseguir aforro enerxético nas parroquias do municipio. “Puidemos facer o cambio a luminarias led en Covas e Padrenda e aforramos máis dun 50% nas factura. Esta é a razón pola que desexamos continuar a executar o cambio de luminarias”, explicou Ucha.

A Lama

Finalmente, o rexedor de A Lama, Jorge Canda, agradeceu ao delegado territorial o investimento realizado pola Xunta nos últimos anos nesta comarca. “Debemos estar orgullosos do que a administración autonómica investiu nestes concellos. Non podemos esquecer a EDAR cun custe de 1,4 millóns de euros, a ETAP con outro de 1,8 e, por suposto, o novo acceso ao concello, unha obra que superou os 12,8 millóns de euros”, explicou Canda.

O alcalde, sen embargo, recordoulle a Cores Tourís algúns dos proxectos que seguen pendentes, como o Plan Hurbe solicitado á Consellería de Medio Ambiente, e que permitiría reformar a un área infantil en Xesta. Tamén solicitou ao delegado territorial que lle dera traslado ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, do seu interese por manter unha entrevista de cara a analizar o feito de que A Lama quedara fora do transporte metropolitano a Pontevedra. “Cremos que foi un erro e así o imos trasladar ao responsable de Vicepresidencia”, engadiu o rexedor.

Jorge Canda insistiu na necesidade de activar máis políticas cara aos concellos do rural que permitan fixar poboación, “xa que todos somos conscientes de que determinados servizos son imprescindibles para que a xente nova veña a vivir a concellos como A Lama”.

Outra das demandas do alcalde de A Lama foi a mellora e reforma da estrada que une Antas con Seixido. Neste senso, o delegado territorial recordoulle que primeiro deberá poñer a disposición da Xunta os terreos necesarios para a ampliación deste vial. “Dende a Xunta de Galicia insistimos na necesidade de colaboración entre institucións de cara a poder executar obras que, como esta estrada, son de interese para os veciños, o como é o caso dos colexios. O traballo conxunto entre administracións é sen dúbida unha boa ferramenta para conseguir poñer en marcha numerosos proxectos”, engadiu Cores Tourís.

24 de novembro de 2016 | 20:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.