Colectivos de Vigo inician unha acampada para esixir un parque de vivendas sociais e mellorar o albergue
Os colectivos sociais de Os Ninguéns e a Rede de Solidariedade Popular (RSP), coincidindo co día internacional das persoas sen fogar, iniciaron unha acampada de 24 horas, por medio da que esixen a creación dun parque de vivendas sociais en Vigo e a ampliación e mellora do albergue municipal.
Cinco tendas de campaña, unha carpa e numerosos carteis e pancartas marcan o lugar no que se asenta a acampada, en pleno centro de Vigo, concretamente xunto ao farol de Urzáiz, onde está previsto que se alongue a mobilización entre a mañá deste luns e as 12,00 horas da mañá deste martes.
O voceiro de Os Ninguéns, Antón Bouzas, remarcou que esta acción busca “facer visible que nesta e outras cidades”, malia as afirmacións do alcalde de Vigo, Abel Caballero, de que na cidade “non hai desafiuzamentos”, si hai persoas que non cobren as súas necesidades básicas e deben varios meses de aluguer ou son sen teito. En concreto, indicou que en Vigo hai entre 50 e 80 persoas sen teito e máis de 2.000 non poden pagar o aluguer.
Ademais, remarcou que algunhas familias, para evitar “a vergoña” de que a Policía poida botalos das vivendas, deciden “disgregarse”, separando os seus membros recorrendo a familiares, amigos ou calquera outro medio. Outras chegan a optar por dar os seus fillos en adopción ou en acollida. “Un drama moi complexo”, concluíu.
PARQUE DE VIVENDAS
Neste contexto, ademais de chamar o Concello de Vigo e á Xunta a crear un parque de vivendas sociais, criticou a negativa de Caballero a incorporarse ao ‘Programa de Vivendas Baleiras’ posto en marcha pola Administración autonómica.
En relación a iso, recoñeceu que este programa é “insuficiente” porque hai unha cláusula “que limita”, posto que restrinxe este recurso unicamente a familias con denuncias ou demandas de desafiuzamento, cando, incidiu, debería chegar a todas as familias con axudas sociais como a Risga.
Non obstante, mantivo que “se o concello non está de acordo coas cláusulas, debe negociar coa Xunta, porque é un plan interesante” porque permite poñer en uso social vivendas baleiras, que, noutros casos, “non chegan” aos usuarios.
ALBERGUE
Sobre o albergue municipal, comentou que fai unha función social “importante”, pero fixo fincapé en que as camas son “poucas”, cando o edificio, na súa opinión, ten capacidade para outras “50 camas ou máis”; e tamén criticou que se limite a estanza a 10 días.
En relación a este último punto, mantivo que “non vale que -unha persoa- salga do albergue municipal para durmir nun choupano ou na rúa”. Así, pediu que estes usuarios, priorizar as mulleres e os enfermos graves ou crónicos, sexan acollidos ata que se lles adxudique un piso social en aluguer.











