Carmela Silva visita as obras da mellora do pavimento no camiño de Ventoselo e A Fírveda na Lama
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, visitou as obras de mellora do pavimento no camiño de Ventoselo e A Fírveda (A Lama) que acaban de iniciarse e se puxeron en marcha ó abeiro da liña 1 do “Plan Concellos 2016”. Para a realización deste acometido, o concello da Lama recibiu 28.092 € da institución provincial.
A presidenta provincial, Carmela Silva, salientou que “os investimentos da Deputación na Lama falan de cómo se fai política. Cun reparto equitativo, con criterios obxectivos e fora de calquera discrecionalidade. A etapa do clientelismo rematou neste nova Deputación”. Un investimento de preto de 600.000 € dos que a Presidenta salientou os 457.845,15 € do Plan Concellos, os 16.622,20 € destinados a cultura e lingua, os 42.211,09 € de cohesión social e xuventude, os 18.846 para o fomento do emprego na Lama ou os 15.371,90 € investidos en melloras na mobilidade do concello.
A Deputación de Pontevedra destinou á Lama no ano 2016 preto de 600.000 €, isto é, un investimento de 224,11 € por habitante. Resalta o orzamento do “Plan Concellos 2016”, que por valor de preto de 458.000 €, supuxo un aumento de máis de 105.496,98 € respecto ao ano anterior. A liña 1 do “Plan Concellos 2016” achegou 293.136,68 € á vila cos que se están a realizar as melloras no pavimento dos camiños de Ventoselo e A Fírveda, dotar de iluminación pública o polígono da Lama, mellorar os accesos ós núcleos rurais en Barcia, Seixido e A Lama, creación de muros de sostemento e pavimentación no camiño Chozas, a mellora de infraestruturas municipais na Lama ou o ensanche e mellora de pavimentos e drenaxes na Barcia do Seixo, entre outras. Tamén na liña 4 se crearon 14 postos de emprego nos servizos municipais cun investimento de 87.539,28 €, ademais de preto de 19.000 € para dous bolseiros/bolseiras.
Á marxe do “Plan Concellos 2016”, A Lama tamén recibiu preto de 17.000 € para o fomento da cultura e lingua na vila, con máis de 33 actuacións do Pontegal ou a rehabilitación do lavadoiro de Pumar. Amais, tamén se destinaron preto de 44.000 € a políticas sociais e de xuventude, a través dos programas “Depo Aventura a Lanzada”, “Depotermal”, “En Ruta coa Depo”, “Depo en Marcha”, “Depo Rúarte”, “Tecendo Lazos” así como nas axudas básicas de emerxencia e servizos sociais comunitarios municipais. Do mesmo xeito, A Lama recibiu 432 € para o deporte federado de base e para a copa de fútbol Deputación de Pontevedra e 4.500 € para impulsar políticas de igualdade na vila a través do programa “Conectadas”.
A Deputación de Pontevedra destinou, ademais, 15.400 € a mellorar a mobilidade no concello da Lama, en concreto a través da sinalización horizontal das vías provinciais entre A Lama e Ponteverdugo, Gaxate e Ermitas e Peso e Coroi.