publicidade hoxe

Camariñas acolle do 8 ao 11 de decembro as II Xornadas Gastronómicas “O encaixe do mar”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCalendarioCamariñas
A-
A+

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso participou esta mañá, xunto co alcalde do Concello de Camariñas, Manuel Valeriano Alonso de León, os empresarios Antonio Muíños e Olga Campos e Ramón Ayora, presidente do Club Náutico, na presentación das II Xornadas Gastronómicas de algas de Camariñas, baixo o lema “O encaixe do mar”.

No encontro, tanto autoridades como empresarios puxeron en valor o alcance que as algas de Camariñas están a acadar, neste caso, a nivel local. A organización por segunda quenda consecutiva destas xornadas gastronómicas consegiu reunir a 25 establecementos colaboradores, o dobre que o ano anterior: “Este éxito de participación por parte das empresas de restauración demostra a importancia destas xornadas”, sinalou Manuel Valeriano Alonso de León, alcalde de Camariñas, quen agredeceu o papel ensencial da Deputación polo seu apoio a esta iniciativa que aporta ao concello promoción turística e cultural. Pola súa banda, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou “a necesidade de dar visibilidade aos produtos da provincia, neste caso, ás algas de Camariñas, que contribúen á posta en valor deste pobo da Costa da Morte”, afirmou o presidente.

A achega imprescindible das empresas adicadas á comercialización deste vexetal mariño supón un gran valor para os concellos como Camariñas. Antonio Muíños, da empresa conserveira Porto Muíños destacou as moitas e variadas propiedades das algas da Costa da Morte: “Ao principio a xente simplemente as tiraba, despois empezaron a ser empregadas con fines medicinais, e agora non só teñen valor culinario senón saudable, por iso é necesario que concellos, como o de Camariñas, aposte por mirar cara o mar e promocionar os nosos produtos”, engadiu.

As xornadas desenvolveranse durante os días 8, 9, 10 e 11 de decembro. Os 25 establecementos de Camariñas participantes nas xornadas elaborarán diferentes tapas cuxo ingrediente principal serán as diferentes algas que se cultivan na zona. Ademais das propostas culinarias, tamén se celebrarán outro tipo de actividades máis lúdicas que completan o programa do encontro. O xoves, 8 de decembro, Sito Sedes presentará o seu último traballo discográfico “Nostalxias”, ás 19:00 horas no Club Náutico, no que realizará un repaso dos temas que marcaron os estilos de toda a súa traxectoria e no que contou coa colaboración de Xoel. O sábado, 10 de decembro, o momento máis agardado será a Festa Palilleira, no polideportivo, onde máis de 500 palilleiras xuntaranse para amosar algúns dos seus traballos. Haberá actuacións de baile e música tradicional galega.

Galicia conta con máis de 1.500 quilómetros de costa. En concreto, Camariñas reúne unhas condicións excepcionais para o cultivo e crianza de algas. Así o sinalou Ramón Ayora, presidente do Club Náutico quen resaltou “que o obxectivo é promocionar este vexetal mariño que xa está moi integrado na alta cociña e que a través desta iniciativa local, vai pouco a pouco, introducíndose nas cociñas dos fogares galegos”, aclarou Ayora.
Con esta iniciativa, a Deputación quere amosar o seu apoio aos concellos para promocionar os seus valores gastronómicos, culturais e turísticos que repercuten positivamente no texido económico da provincia.

25 de novembro de 2016 | 18:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.