publicidade hoxe

As obras de mellora da estrada PO-234 iniciaranse no treito que vai ata Laxoso no caso de dispor dos terreos nun mes e medio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, trasladoulle hoxe ao alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, que a Xunta iniciará as obras de mellora da estrada PO-234 polo treito que une este municipio co núcleo de Laxoso no caso de dispor dos terreos necesarios no prazo dun mes e medio.

Vázquez Mourelle mantivo hoxe unha xuntanza de traballos cos alcaldes de Cotobade e Ponte Caldelas, Jorge Cubela e Andrés Díaz, respectivamente, na que lles presentou uns protocolos de colaboración para comezar o antes posible as obras de mellora nesta vía. Nesta reunión, a conselleira salientou que o Goberno galego aposta polo diálogo e a colaboración como vía para ‘sacar adiante’ este proxecto.

Este protocolo contempla que o Goberno galego asume a obriga de executar as actuacións e os concellos terán que poñer á disposición os terreos para levar a cabo ditas intervencións. Neste sentido, Ethel Vázquez concluíu que “na Xunta temos os proxectos redactados e o compromiso de realizar as obras de ampliación e mellora na PO-234 o antes posible, pero faise precisa tamén a implicación dos concellos, para que nos acheguen os terreos necesarios, polo que será preciso que os dous municipios axilicen as actuacións, para que se desenvolvan sen ter que agardar a un proceso expropiatorio, que sería moito máis longo”.

O proxecto consiste, en ambos casos, en ampliar a calzada ata acadar un ancho de 7 metros e tamén de executar cunetas de seguridade nos tramos nos que sexa preciso e os proxectos contarán cun investimento por parte da Xunta que supera os 600.000 euros.

A conselleira subliñou que “é ben coñecido polo Executivo autonómico que a mellora desta vía, que atravesa ambos municipios, é unha actuación moi demandada polos veciños dos dous concellos, polo que o obxectivo é levala a cabo á maior brevidade posible”. Engadiu que con esta actuación búscase reforzar a seguridade viaria e favorecer a mobilidade entre ambos os dous municipios.

A conselleira de Infraestruturas informou aos alcaldes que se concretou levar a cabo o acondicionamento da PO-234 en 3 fases diferenciadas e, “neste momento, xa están redactados 2 dos proxectos construtivos, que se corresponden cos dous treitos prioritarios, nos extremos da vía: no lado de Ponte Caldelas e no de Cotobade”, concretamente nun treito de 2,16 km, entre o final da travesía de Ponte Caldelas ata a entrada da travesía de Laxoso, no termo municipal de Ponte Caldelas; e en Cotobade, no final da estrada, o máis próximo a Augasantas, cunha lonxitude de 2,69 km.

30 de novembro de 2016 | 17:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.