Abel Caballero apoia unha xestora con “proxecto gañador”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Europa Press

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, apostou este mércores por unha nova xestora no PSdeG que leve o partido cara a un “proxecto gañador” e, aínda que se negou a falar de nomes, apuntou que tanto el mesmo, como a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, saben bastante de “estar ao lado dos cidadáns e gañar eleccións”.

En declaracións aos medios tras participar na inauguración dunhas novas instalacións da planta de Borgwarner en Vigo, o rexedor afirmou que as decisións sobre a destitución da actual xestora (que preside Piar Cancela) corresponden á xestora federal do PSOE. “Non será Abel Caballero dende Vigo que teña que decidir”, sinalou o alcalde, quen pediu en varias ocasións a dimisión de Cancela e o seu equipo, polos malos resultados das eleccións autonómicas.

En todo caso, e despois de que transcendese unha proposta de Caballero para a formación dunha nova xestora, dirixida por Carmela Silva, e a preguntas dos medios sobre esta cuestión, o rexedor proclamou: “Non hai unha proposta de Abel Caballero, hai unha posición dun número importantísimo de militantes do PSdeG que estamos a buscar unha saída para ter unha dirección política no partido”.

O alcalde de Vigo insistiu en non querer “falar, neste momento, de nomes”, aínda que sinalou que, nesa nova dirección do PSdeG, deben “participar todas as sensibilidades do partido”, de maneira que se busque un proxecto común e sólido para chegar ata o próximo congreso.

De feito, segundo publican ‘La Voz de Galicia’ e ‘Faro de Vigo’, nesta xestora estarían os presidentes provinciais, os presidentes socialistas das deputacións, o voceiro parlamentario e outros voceiros ou dirixentes locais.

CARMELA SILVA

Por outro lado, e á pregunta de se Carmela Silva podería ser do agrado desas diferentes sensibilidades, Caballero respondeu de forma indirecta: segundo subliñou, tanto el como a presidenta da Deputación, saben bastante de “estar ao lado dos cidadáns e gañar eleccións”.

“Seguro que hai outros que tamén saben e me encantará que esteamos todos xuntos buscando unha saída á situación política do PSdeG”, incidiu o alcalde, quen recalcou que non está “disposto a estar nun partido que é a terceira forza”, senón que quere un PSdeG “con opcións de gañar as seguintes eleccións autonómicas, sendo polo menos a primeira forza de Galicia”.

16 de novembro de 2016 | 16:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.