publicidade hoxe

A Xunta presenta con Asturias, Cantabria e Euskadi a fase final da guía para a vixilancia da saúde no sector pesqueiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), participou hoxe en Bilbao na presentación da fase final da guía para a vixilancia da saúde no sector pesqueiro, un documento que se vén elaborando desde o ano 2011 conxuntamente con Asturias, Cantabria e Euskadi.

Esta parte final da publicación, a cuarta fase, basease na avaliación de riscos que se desenvolve ao longo de toda a guía dividida en tres partes: a primeira está dirixida ás flotas de baixura e artesanal; a segunda ás actividades de marisqueo a pé, extracción de recursos específicos e as actividades auxiliares á pesca; e a terceira está destinada ás artes de altura e gran altura.

A fase da guía que vén hoxe de presentarse no Museo Marítimo Ría de Bilbao, no marco da II Xornada de Prevención de Riscos no sector marítimo-pesqueiro, organizada polo Instituto Vasco de Seguridade e Saúde Laboral (Osalan), recolle como principais contidos as probas e exploracións médicas concretas que permiten coñecer se as condicións de traballo afectan ao estado de saúde, facilitando ao persoal médico e de enfermería do traballo identificar de forma precoz a aparición de posibles danos e, polo tanto, dáselles a posibilidade de recomendar as medidas preventivas máis axeitadas no seu labor xunto co persoal técnico de prevención.

Trátase da primeira guía editada neste ámbito de forma conxunta por estas catro rexións e realizada por un grupo multidisciplinar de técnicos de prevención e de médicos de traballo dos institutos de seguridade e saúde laboral destas comunidades autónomas.

A guía, debido o seu volume, realízase nun dobre formato: unha versión breve en formato papel e a versión completa está dispoñible no link www.grupo-cano.com. Ademais, inclúese un vídeo de presentación da guía.

Cada parte da publicación recolle unha serie de fichas nas que se analizan os posibles danos para a saúde e as probas médicas que se recomenda realizar en relación aos riscos ergonómicos, hixiénicos, físicos, químicos e psicosociais vinculados a cada posto.

O obxectivo xeral da publicación é ofrecer unha correcta orientación e instrumentos para implantar de xeito específico e individual a vixilancia da saúde dos traballadores do sector pesqueiro, así como contar con instrumentos para a detección de enfermidades profesionais relacionadas co traballo no sector e para facilitar a avaliación dos riscos, así como para subliñar a necesidade de establecer os mecanismos que faciliten a coordinación entre os diversos axentes involucrados na vixilancia da saúde dos traballadores do sector pesqueiro.

29 de novembro de 2016 | 17:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.