A Xunta non ten constancia de ningún expediente aberto sobre o veciño de Santiago deportado a Paraguai
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, indicou que a Xunta non ten constancia de “ningún expediente aberto por parte dos servizos sociais da comunidade autónoma” sobre o caso do veciño de Santiago deportado a Paraguai, o seu país de orixe, tras non conseguir regularizar a súa situación ao cumprir a maioría de idade.
A preguntas dos medios este luns en Santiago, Rey Varela indicou que o Goberno galego tivo “coñecemento” do caso a través dos medios de comunicación e que “non pode dar datos concretos neste momento” sobre o caso.
Esta fin de semana, un novo de 19 anos de orixe paraguaia que residía en Santiago de Compostela dende os 5 anos foi deportado a Paraguai logo de que, unha vez cumprida a maioría de idade, non atopase un traballo que lle permitise regularizar a súa situación.
O Foro Galego de Inmigración denunciou o caso e confirmou o pasado domingo que o mozo, que foi detido e trasladado a Madrid a comezos da semana pasada, xa se atopa no país latinoamericano.
Segundo esta entidade, este veciño de Santiago “non ten ningunha familia” en Paraguai, xa que a súa “nai e irmán pequeno (que naceu en Compostela) residen aquí dende hai 14 anos”, ao que hai que sumar que “a nai está enferma e soa e precisa coidados e atención”.
“RESPECTAR A DECISIÓN”
En relación a isto, o titular de Política Social da Xunta manifestou que descoñece “os motivos que orixinan esa deportación” e que, polo tanto, hai que respectar esa decisión que se ten adoptado”.
“Tivemos coñecemento polos medios do que sucedeu. Se temos algún instrumento de colaboración activarémolo inmediatamente, pero non foi solicitado á Consellería”, indicou Rei Varela, para logo engadir que a Xunta pedirá “información” sobre o caso do veciño santiagués.
Así mesmo, preguntado acerca de se a Xunta dispón dalgún mecanismo para detectar casos similares, apuntou que Política Social conta con “técnicos traballando en toda Galicia para evitar situacións de vulnerabilidade social” como esta. “Como traballamos con todos os casos, imos traballar con este”, resolveu.











