publicidade hoxe

A Xunta fomenta o emprendemento no sistema educativo co programa “Eduemprende actúa”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
O director do Igape na xornada con técnicos e emprendedores no CIFP Compostela. Foto: C. Paz

O director do Igape na xornada con técnicos e emprendedores no CIFP Compostela. Foto: C. Paz

Un total de 2.500 rapaces de 36 centros escolares participan no programa “Eduemprende Actúa”, deseñado pola Xunta de Galicia -a través da Consellería de Cultura e Educación e do IGAPE- para promover o espírito emprendedor no sistema educativo galego.

O director xeral de Educación, FP e Innovación, Manuel Corredoira; e mailo director do IGAPE, Javier Aguilera; participaron esta mañá na xornada dirixida aos estudantes que se están a desenvolver no CIFP Compostela, en Santiago, con charlas impartidas por técnicos do Instituto Galego de Promoción Económica, así como coa participación dun emprendedor que lles achega aos rapaces a súa experiencia persoal nesta materia.

O director xeral de Educación, Manuel Corredoira, destacou que o “Eduemprende Actúa” deseñouse co principal obxectivo de poñer en valor o talento emprendedor como ferramenta para o desenvolvemento profesional do alumando na Formación Profesional e no Bacharelato. Segundo Corredoira, é necesario crear unha “conciencia emprendedora” e “estimular as capacidades de emprendemento” entre os rapaces, o que favorece a conexión entre o sistema educativo e a contorna ao tempo que mellora a empregabilidade dos propios alumnos.

Pola súa parte, o director do Igape, Javier Aguilera, destacou que crear a propia empresa ou abrir un negocio pode ser o mellor proxecto de vida, logo de rematar a etapa formativa, se se fai contando co coñecemento e o asesoramento axeitados. Neste sentido, Aguilera salientou o apoio integral da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Unidade Galicia Emprende coordinada polo Igape, para facilitar, mediante formación específica, asesoramento personalizado e financiamento axeitado, -o deseño, posta en marcha, a consolidación e a internacionalización de novos proxectos empresariais.

O director do Igape subliñou que os emprendedores galegos dispoñen agora de instrumentos como a Rede de Aceleradoras posta en marcha en toda Galicia, para fomentar o emprendemento sobre o territorio e incrementar as posibilidades de éxito dos novos proxectos empresariais, e lembrou outros instrumentos como a Rede Galega de Mentores, que achega asesoramento de expertos para facilitar a consolidación das novas empresas.

29 de novembro de 2016 | 16:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.