A Xunta entrega 84 equipos de comunicacións Tetra ao Consorcio Provincial de Lugo
O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor fixo entrega de 84 equipos de comunicacións Tetra ao Consorcio Provincial de Lugo para a prestación do servizo contra incendios e salvamento da rede corporativa de comunicacións móbiles dixitais de emerxencia e seguridade de Galicia (RESGAL)
Os terminais de comunicacións que se entregaron están destinados aos 6 parques de bombeiros que forman parte do Consorcio Provincial de Lugo (55 portátiles, 23 móbiles e 6 fixos), os cales teñen un custo de 74.125 euros. Xunto coa entrega dos terminais, terá lugar unha sesión formativa cos responsables e integrantes deste servizo de emerxencia, co obxectivo de implantar o correcto uso destes equipos de comunicacións nos mencionados parques de bombeiros.
A Xunta de Galicia conta cunha rede de telecomunicacións propia con estándar TETRA para xestionar todas as comunicacións dos corpos de emerxencia e seguridade. Esta Rede permite a coordinación de todas as forzas de seguridade e emerxencias integrados na rede: bombeiros, policía, urxencias sanitarias, 112, GES, Protección Civil, Incendios Forestais, etc. A Rede da Xunta emprega a tecnoloxía TETRA, a máis punteira para este tipo de redes de seguridade pública e que se caracteriza pola súa probada fiabilidade incluso en situacións extremas ou de saturación (accidentes, desastres naturais, grandes aglomeracións de persoas, etc).
Esta rede ponse a disposición de distintos organismos públicos, como deputacións ou concellos, conseguindo, deste xeito, unha maior coordinación dos distintos servizos de emerxencias, así como un aforro efectivo no gasto en teléfonos móbiles e sistemas locais.
Os corpos de emerxencia e seguridade autonómicos xa integrados na Rede son: Axencia Galega de Emerxencias, Policía Autonómica UPA, 112 – Emerxencias Galicia, Servizo Defensa Contra Incendios Forestais (SPDCIF), Urxencias Sanitarias – 061.
A Xunta de Galicia procedeu hai uns meses á adquisición de terminais de comunicacións Tetra que agora cede gratuitamente aos servizos de emerxencia dos Concellos, Consorcios, Mancomunidades e demais administracións que xa se adheriron á rede RESGAL na modalidade de adquisición e cesión de terminais por parte da Xunta de Galicia.Neste momento están adheridos á RESGAL 117 Concellos (GES, Policías Locais, Bombeiros, e Protección Civil), 3 Mancomunidades e 5 Consorcios de Bombeiros.
Xa con anterioridade a Xunta de Galicia, por medio da Axencia Galega de Emerxencias, procedeu a entregar 70 terminais de comunicacións Tetra aos distintos parques de bombeiros do Consorcio Provincial da Pontevedra para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento e 14 terminais do Consorcio para o Servizo Contraincendios e Salvamento das Comarcas do Deza e Tabeirós, cun custo total entre terminais fixos móbiles e portátiles de 62.820 euros. Así mesmo, en agosto foron entregados 132 terminais de comunicacións Tetra ao Consorcio Contraincendios e Salvamento da Provincia de A Coruña, cun custo de 115.004 euros.











