A Xunta asume a redacción do ditame do Comité Europeo das Rexións sobre a política europea de cooperación ao desenvolvemento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe en Bruxelas na última reunión do ano da Comisión de Gobernanza, Cidadanía e Asuntos Exteriores (CIVEX), durante a cal se decidiu designalo como relator do ditame sobre o chamado novo Consenso Europeo sobre Desenvolvemento.

A Comisión Europea publicou este martes a súa proposta para adaptar o consenso actual, que data de 2005, aos cambios acaecidos nos últimos anos. Trátase dun documento estratéxico que pretende guiar as políticas de cooperación ao desenvolvemento dos Estados membros da UE co obxectivo último de erradicar a pobreza e construír un mundo máis estable e xusto. O novo consenso adaptarase a Axenda 2030 para un Desenvolvemento Sostible, adoptada por Nacións Unidas en setembro de 2015, e apoiará á Estratexia Global da Política Exterior e de Seguridade posta en marcha pola UE este ano. O ditame do Comité das Rexións reflectirá a opinión dos gobernos rexionais e locais da UE en canto que actores determinantes na cooperación ao desenvolvemento.

“Asumir o ditame sobre os novos desafíos europeos en cooperación e desenvolvemento é unha gran responsabilidade. É evidente que un dos mecanismos para evitar un fluxo migratorio excesivo e descontrolado sobre Europa é traballar en favor dos países do sur, principais emisores dos migrantes económicos. Trátase de un obxectivo a longo prazo, e cumpre cun enfoque integral, que teña en conta as sensibilidades e prioridades de cada beneficiario, sen desbotar os principios que conforman esta política europea: orientación a resultados concretos, respecto aos dereitos humanos, igualdade de xénero e aliñamento cos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) apoiados pola ONU”, indicou o director xeral de Relacións coa UE ao agradecer o encargo.

Debate sobre a Axenda Europea de Migración

Durante esta reunión, e sempre dentro do contexto anterior, os representantes rexionais e locais debateron tamén dous proxectos de ditame referidos aos novos marcos de asociación con terceiros países e á reforma do Sistema Europeo Común de Asilo da UE. Nun contexto no que preto de 1,3 millóns de migrantes procedentes de África e Oriente Medio chegaron a Europa en 2015, a UE pretende establecer asociacións a medida con países de orixe e de tránsito, que afonde nas raíces do problema e que recorra á cooperación descentralizada como solución.

Os membros de CIVEX acolleron con satisfacción esta proposta de novos acordos pero advertiron de que a axuda da UE a terceiros países non debería estar totalmente condicionada ao cumprimento das obrigas impostas por estes acordos, xa que isto poría en perigo a consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e os compromisos do Tratado de Lisboa para erradicar a extrema pobreza e a desigualdade. Fixeron, ademais, fincapé na utilidade que as administracións subestatais teñen na sensibilización e información dos migrantes nos países de orixe e de tránsito, polo que solicita á Comisión Europea que implique ao CdR no deseño destes marcos de asociación.

Por outro lado, O CdR acolleu a proposta de reforma Sistema Europeo Común de Asilo coa que se substituirá a actual directiva sobre procedementos de asilo, recoñecemento e condicións de acollida por un novo regulamento que garanta unha acollida más eficiente, xusta e homoxénea na UE. CIVEX aprobou un proxecto de ditame que presenta doce emendas á reforma do Sistema Europeo Común de Asilo proposta pola Comisión Europea.

Os dous proxectos de ditame aprobados hoxe compleméntanse con tres ditames elaborados anteriormente sobre o primeiro paquete da reforma do sistema de asilo, a migración legal e a integración de nacionais de terceiros países. Xuntos, estes cinco ditames confeccionan o posicionamento do CdR con respecto a nova Axenda de Migración da UE.

A ampliación da Unión Europea en 2017

Os membros de CIVEX debateron sobre o paquete anual de medidas de ampliación presentado pola Comisión Europea o pasado 9 de novembro. O CdR segue de preto o progreso das negociacións de ampliación con Turquía e os Balcáns Occidentais nun momento de alta inestabilidade europea e internacional, para o cal conta con grupos de traballo sobre o terreo no que coopera coas autoridades locais e rexionais de Turquía, Serbia, Montenegro e Antigua República Iugoslava de Macedonia. Diversos membros defenderon que o CdR ten que reafirmar o seu compromiso histórico co proceso de ampliación, destacando que os municipios e rexións deben seguir sendo un elemento clave nel.

“É importante constatar os avances nas reformas dos Estados candidatos no que se refire o respecto ao Estado de dereito e o respecto aos dereitos fundamentais. Desgraciadamente, a situación nestes momentos é distinta en Turquía, xa que semella, en liña co que se ten discutido esta semana no Parlamento Europeo, que o país euroasiático non está preparado para continuar co seu proceso de adhesión”. Comentou Gamallo.

A educación dos nenos refuxiados

Por último, os membros de CIVEX mantiveron o seu debate anual coa Axencia dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea (FRA polas súas siglas en inglés), con sede en Viena. Este foro se organiza dende 2009 para informar a esta axencia europea sobre as experiencias dos municipios e rexións na defensa dos dereitos fundamentais. Neste caso, representantes da Axencia abordaron as dificultades de acceso á educación dos menores refuxiados e amosáronse exemplos de como cidades e rexións están a afrontar estes obstáculos.

24 de novembro de 2016 | 18:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.