A FAEPAC explica os seus plans para reducir a factura eléctrica dos coruñeses
A Fundación Axencia Enerxética Provincial de A Coruña (FAEPAC), dependente da Deputación, participou hoxe no “I Foro galego de luminotecnia e innovación” que se celebrou en Santiago de Compostela. A través do seu director, Jesús Castro, destacou a labor da axencia enerxética ao longo da súa historia. Castro tamén explicou o plan director realizado pola FAEPAC para unha maior eficiencia enerxética dos concellos: “O obxectivo é aforrar enerxía dende un punto de vista sustentable, unha tarefa que dende a FAEPAC facemos a través de distintas medidas encamiñadas a reducir o gasto na factura da luz dos concellos e cidadáns”, destacou Castro.
Ao encontro tamén asistiron os expertos no eido enerxético como o director xeral de Enerxía e Minas da Xunta de Galicia, Ángel Bernardo Tahoces, que foi o encargado de inaugurar o foro; Ángel González Calvo, presidente executivo de SETGA e Fernando Ibáñez Abaigar, presidente do Comité Español de Iluminación (CEI), entre outros.
A regulación e a renovación da enerxía nos municipios foron o eixo das conferencias que se centraron na aplicación do aforro enerxético nos concellos, a dixitalización do ciclo de vida dos proxectos de alumeado público con tecnoloxía galega, o potencial humanizador do alumeado público ou casos de éxito reais en materia de eficiencia enerxética.
A FAEPAC, impulsa o plan de aforro enerxético para os municipios, no que destaca actuacións como o control e optimización da facturación enerxética municipal, tramitación e xestións de subvencións, redacción de pregos de contratación, en materia de mantemento, aforro e eficiencia enerxética, auditorías enerxéticas en alumeado público, edificios municipais e instalacións técnicas, prescricións técnicas para a contratación de novos suministros, ou a formación de técnicos municipais en materia enerxética.
Asemade, o director da FAEPAC, Jesús Castro fixo repaso doutras actividades que dende a axencia levan a cabo como a promoción do coche eléctrico ou hibrido, a loita contra a pobreza enerxética, ou o novo servizo de asesoramento a particulares, unha iniciativa que se enmarca na estratexia do goberno provincial para impulsar os proxectos da FAEPAC, e achegar a súa utilidade tanto aos concellos ou aos cidadáns.