A Facultade de Ciencias da Educación e o Deporte de Pontevedra intégrase na Rede de Escolas Unesco

Alfonso Rueda no acto de constitución
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe no acto de constitución da Facultade de Ciencias da Educación e o Deporte da Universidade de Vigo, situada no campus de Pontevedra, dentro da Rede de Escolas Unesco.
Rueda felicitou a este centro educativo por acadar este recoñecemento, que a converte na primeira facultade de España que actualmente forma parte da rede, e que supón a defensa de valores de paz ou dereitos humanos como parte do proxecto educativo.
Alfonso Rueda destacou que o recoñecemento á Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte supón unha enorme honra pero seguro que tamén constituirá unha grande responsabilidade e un acicate para seguir traballando na liña do que veñen facendo, defendendo os dereitos humanos, os valores de paz, a cooperación e o diálogo.
O vicepresidente felicitou tamén aos responsables polo feito de que teñan sido capaces de implicar ao alumnado nesta loita polos dereitos dos nenos e indicou indicou que é fundamental a implicación da sociedade e o compromiso de todos para lograr este obxectivo, porque só co esforzo das administracións non chega.
A Xunta ten en marcha numerosas medidas a prol da infancia, con case 2.000 nenos tutelados, cun programa de acollemento familiar que lles ofrece un fogar a nenos e nenas que non poden ser atendidos axeitadamente polas súas familias.
Existe tamén un programa de mediación familiar para tentar solucionar conflitos que moitas veces afectan dramaticamente aos nenos e cómpre tamén recordar o teléfono de atención á infancia, (116111), dispoñible todos os días do ano as 24 horas, para que os nenos nos conten as súas preocupacións e problemas.
Cómpre destacar que hoxe, 25 de novembro, conmemórase o Día Internacional de Loita contra a Violencia de Xénero, unha das peores lacras desta sociedade, e no que vai de ano son 25 os nenos e nenas que quedaron orfos por causa dos crimes cometidos por violencia de xénero. E moitos outros que sen chegar a morte, tamén sofren nas súas casas eses malos tratos, son testemuñas deles e tamén vítimas e sobre eles tamén se debe prestar atención.











