A Deputación de Pontevedra destina 60.000 euros a deportistas individuais da provincia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou unha nova convocatoria de axudas para deportistas non profesionais que, ó longo do 2016, participaron en eventos nacionais e internacionais incluídos nos calendarios oficiais das federacións deportivas. Estas achegas, por valor de 60.000 € poderán solicitarse ata o 5 de decembro.

Como principal novidade, con respecto ós anos anteriores, cómpre destacar que por vez primeira se incorpora nunhas bases de subvencións para deportistas a renda como criterio, o que permitirá que aquelas persoas con menos recursos teñan máis posibilidades de optar ás achegas. Por outra banda, e tamén por primeira vez, se inclúe nesta convocatoria tanto o deporte adaptado como o deporte feminino, que o goberno de Louzán excluía das bases da convocatoria.

As axudas para deportistas individuais, reguladas a través de bases e mediante o procedemento de concorrencia competitiva ordinaria, destinaranse a proxectos de actividades deportivas realizadas desde o 1 de xaneiro de 2016 e ata o fin de prazo de presentación das solicitudes (5 de decembro). A través das mesmas a institución provincial subvencionará tanto os gastos por desprazamento, como de aloxamento e inscricións en competicións deportivas enmarcadas nos calendarios oficiais das federacións deportivas.

A Deputación de Pontevedra ten entre os seus obxectivos prioritarios o fomento do deporte e, por ese motivo, destinou un 9,2% máis de recursos a esta actuación no 2016 e estableceu un novo modelo na política deportiva da provincia, impulsando a equidade e a transparencia en todas as convocatorias, así como a colaboración continua coas federacións, asociacións e clubs deportivos de Pontevedra.

24 de novembro de 2016 | 18:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.